
Despois dos últimos asolagamentos que se produciron nestas pasadas datas do Nadal o Partido Popular presentou unha moción ao pleno que se celebrou o pasado mes de xaneiro instando ao goberno municipal a facer un estudo de varias intervencións importantes para reducir as inundacións en Gondomar. Dita moción foi rexeitada ao contar só co voto a prol do Partido Popular e o voto en contra de Paco Ferreira e o seu equipo de goberno.
Na defensa da moción, Paula Bouzós fixo unha explicación das obras que a Xunta de Galicia vai acometer en breve para mitigar as inundacións en Gondomar. Explicou tamén que segundo os Mapas de Perigosidade e Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa para o Ciclo 2021-2027 podíase observar como na lámina cun período de retorno de 10 anos e polo tanto con alta probabilidade de inundación, ademais da zona de actuación do proxecto antes mencionado, a zona de Ánimas e a zona de Mañufe.
Debido a isto o Partido Popular propuña que sería necesario que se interviñese na ponte da Avda. Conde de Gondomar que cruza o río e a súa contorna, aumentando a súa capacidade hidráulica e favorecendo o desaugue das correntes, rebaixando o nivel de inundacións que tan gravemente afectaron aos edificios desa zona. Consideraban ademais que a ponte de Mañufe supuña un importe obstáculo hidráulico favorecendo as inundacións río arriba, polo que propuñan unha intervención para facilitar na mesma medida o desaugue das correntes, descubrindo todas as bocas da ponte e se fose necesario, facer un by-pass a cada lado da mesma, que permitise o paso da auga en períodos de enchente.
Paula Bouzós acusa a Paco Ferreira de “esquivar as súas responsabilidades” nun tema tan importante como son as inundacións que cada inverno afectan a Gondomar, pretendendo botar a culpa a outras administracións sen tan sequera querer facer un estudo de outras alternativas que se lle propoñen desde a oposición. “Con esta moción non pretendíamos dicirlle ao goberno municipal que se encargase de facer as obras, só que fixese o estudo para desa forma ter argumentos e proxectos cos que ir petar ás portas doutras administracións para que se siga investindo en Gondomar co fin de minorar todo o posible as nefastas consecuencias das inundacións. Esta é a parte que o alcalde non entende, que Gondomar tamén é algo máis que prazas e xardíns bonitos onde locen moi ben as fotos”, argumentaba a voceira do Partido Popular de Gondomar.