Sin categoría

O Cineclub Val Miñor Alice Guy pecha o ano coa proxección de “En un mundo mejor”

O Concello de Nigrán e o Cineclub Val Miñor Alice Guy pechan este xoves 19 de decembro o ano e ao mesmo tempo festexan o seu primeiro aniversario coa proxección ás 20:30 no Auditorio Municipal da película danesa “En un mundo mejor” (2010) en versión orixinal subtitulada ao castelán. Trátase dunha longametraxe de Susanne Brier, Oscar á Mellor película de fala non inglesa e Mellor película de fala non inglesa nos Globos de Ouro 2010.

Brier narra unha historia que vai desde un campo de refuxiados en África ata a cotiandade agrisada dunha cidade danesa de provincias. As vidas de dúas familias entrecrúzanse e nace unha extraordinaria, aínda que arriscada, amizade. Pero a soidade, a fraxilidade e a tristeza están á espera para aparecer. Pronto, a amizade transfórmase nunha perigosa alianza e nunha persecución desaforada coa vida en xogo.