Sin categoría

Somos Nigrán traslada as queixas veciñais polas deficiencias no servizo de limpeza municipal

As críticas veciñais ao redor da mala xestión do servizo municipal de limpeza son constantes. Contedores a rebordar durante días, beirarrúas sucias, e espazos públicos en mal estado, son algunhas das situacións que provocan o descontento da cidadanía, que xa non é unha problemática da época estival polo aumento da poboación, se non que está a estenderse a todo o ano.

A estas queixas, únense as dos traballadores do servizo municipal que en diferentes sesións plenarias manifestaron a necesidade da redacción e aprobación dun novo prego de condicións que mellore a calidade do servizo, así como as condicións laborais do persoal, e onde tamén denunciaron os atrasos salariais que sofre o persoal desde hai dous anos.

A falta dun novo contrato no servizo de limpeza xerou que os servizos se estean dando en precario e que non leven a cabo os investimentos necesarios para renovar/aumentar a frota de vehículos e maquinaria ou ampliar o persoal de forma notable.

Desde Somos Nigrán solicitan ao Goberno Local que asuma a súa responsabilidade, redacte e aprobe un novo prego de condicións coa máxima urxencia, no que se contemplen o aumento do persoal, a renovación da flota de vehículos e de medios materiais e o pago dos atrasos salariais dos traballadores, e que a nova concesión deste servizo fágase no menor prazo posible.