
Axentes da Policía Nacional detiveron sobre as 9:00 desta mañá á exparella da muller de 47 anos achada morta na entrada da súa vivenda na tarde do domingo no barrio da Percibilleira en Baiona. A vítima, Beatriz Lijó Gesteira, avogada de profesión, presentaba un forte golpe na cabeza e feridas asestadas cun machete, nun presunto crime de violencia machista. Foi esta mañá cando o agora detido, Ángel Rodríguez Dacosta, profesor de matemáticas no instituto Pedro Floriani de Redondela, entregouse voluntariamente na Comisaría de Ourense. Por protocolo, a Policía Nacional trasladouno a un centro médico para ser conducido despois á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
Foi ao redor das 21:30 horas deste domingo cando os veciños do número catro da rúa San Roque, no barrio da Percibilleira (Baiona), deron a voz de alarma polo achado do corpo dunha muller con signos de violencia na zona de acceso a unha vivenda. A Garda Civil iniciou entón as pescudas, que apuntan a un caso de violencia de xénero, e a procura da exparella da muller.
Segundo contou o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, os feitos sucederon, ao parecer, a última hora do domingo, cando a exparella da muller acudiu ao domicilio para devolver aos dous fillos menores, cos que pasara a fin de semana. Foi nese momento cando, presuntamente, cometeu o crime diante dos nenos de 7 e 9 anos. Posteriormente, o home levou aos menores a casa dos seus avós paternos, e deuse á fuga. A vítima e o detido estaban divorciados e tiñan conflito xudicial e denuncias mutuas interpostas pola custodia dos nenos.
Fontes do instituto armado confirmaron que non había denuncias previas. Está dispoñible o número de teléfono contra a violencia de xénero 016, un teléfono que non deixa rastro na factura telefónica, pero si hai que eliminar do histórico de chamadas realizadas no teléfono móbil.
Repulsa espontánea
Centenares de persoas concentráronse ás 12 da mañá na Praza do Concello en sinal de rexeitamento ao presunto homicidio de Beatriz Lijó Gesteira a mans da súa exparella, ás portas da súa vivenda no barrio da Percibilleira. A manifestación silenciosa de 25 minutos de duración finalizou con aplausos ao berro de «nunca máis». De confirmarse o caso de violencia machista sería o primeiro de Galicia no que vai de ano. As bandeiras do Concello de Baiona ondean xa a media hasta.