
A corporación municipal de Baiona concentrarase ás 19:30 horas de hoxe na Praza do Concello onde se gardará un minuto de silencio en memoria de Beatriz Lijó Gesteira, veciña de Baiona, que foi presuntamente asasinada pola súa ex parella na noite deste domingo. A corporación local decreta tres días de loito oficial na súa memoria e, unha vez máis, quere mostrar o seu máis rotundo rexeitamento e repulsa á violencia de xénero.
Durante os días de loito, 6, 7 e 8 de febreiro, as bandeiras ondearán a medio mastro en sinal de duelo. Desde o Concello de Baiona queren manifestar a súa absoluta condena ante este asasinato e mostrar todo o seu apoio, solidariedade e condolencias aos familiares da vítima. En especial o seu corazón está cos seus dous fillos pequenos.
O Concello de Nigrán tamén declara tres días de loito oficial con bandeiras a media hasta e convoca mañá martes 7 de febreiro á veciñanza a gardar un minuto de silencio ás 10:00 horas ante o consistorio en memoria de Beatriz e en sinal de absoluta repulsa ante a violencia machista. Igualmente, traslada o seu pésame á familia e achegados da vítima do concello irmán.