
Catro persoas resultaron feridas ao saírse da vía e envorcar o microbús no que circulaban en Baiona. As catro persoas que viaxaban no autobús sufriron feridas de diversa consideración e dúas delas, a condutora e unha pasaxeira, necesitaron a axuda dos servizos de emerxencia para saír do vehículo. Despois de recibir os primeiros auxilios no lugar dos feitos, os feridos foron trasladados ao centro hospitalario de referencia.
Concretamente, o microbús, con capacidade para 34 prazas e que cubría a liña regular entre Baiona e A Guarda, envorcou no punto quilométrico 22 da PO-552, nunha zona rochosa próxima a Cabo Silleiro, quedando nun estado de inestabilidade e con grave risco de seguir caendo cara o mar. Pasados uns minutos das 10:00 horas desta mañá, o 112 Galicia recibía a alerta do accidente a través dunha persoa particular.
Nada máis recibir o aviso no 112 Galicia, activouse axiña un operativo no que interviñeron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Baixo Miño, O GES e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Val Miñor, os voluntarios de Protección Civil do Rosal, a Policía Local e axentes da Garda Civil de Tráfico.