O traballo de identificación do CEMMA permite detectar a longa viaxe do arroaz QUEIK

O traballo de identificación individual de cetáceos, mediante o catálogo fotográfico das aletas-FotoID, dá os seus froitos na detección dos longos desprazamentos dos arroaces.

Técnica da FotoID

Esta técnica consiste na recollida de imaxes fotográficas das aletas dorsais dos arroaces, Tursiops truncatus, para facer un traballo de rexistro e catalogación e posteriormente realizar campañas de seguimento nas que volver recoller imaxes dos mesmos exemplares.

Para levar a cabo esta actividade precísanse autorizacións expresas pois os arroaces son especies protexidas, polo que calquera actividade sobre elas debe ser debidamente analizada e autorizada pola administración. A CEMMA conta con estas autorizacións dende o ano 1997.

As primeiras imaxes do traballo de catalogación foron recollidas nas campañas marítimas que a CEMMA puxo en marcha no ano 2000. Despois de 18 anos de traballo en fotoID contan con máis de 500 aletas diferenciadas individualmente aínda que a taxa de repetición é relativamente baixa, sobre un 30%.

Mediante esta metodoloxía xa se teñen identificado movementos dos arroaces entre as diferentes Rías, entre a costa sur e norte de Galicia ou entre Galicia e Euskadi. A pesar de que o arroaz GASPAR foi detectado en Aveiro, ata o momento non se comprobara a viaxe dun arroaz tan ao sur.

O arroaz QUEIK

No ano 2004 foi realizado o catálogo anual recollendo unha aleta con grandes amputacións no seu borde posterior, o que denotaba que a vida deste arroaz non fóra doada. Nese momento as aletas eran nomeadas pola orde alfabética porque tiñan moi poucas identificadas.

Durante 11 anos QUEIK foi detectado 40 veces entre as Rías de Vigo e Arousa, viaxando coa manda que o acollía, de entre 15 a 30 exemplares. É por iso que foi catalogado entre os arroaces residentes, é dicir, aqueles que viven estables nun mesmo lugar durante moito tempo.

Viaxe de QUEIK

A última vez que a CEMMA rexistrou a este exemplar foi o 19 de febreiro de 2015 por fronte a praia de Cabío, A Pobra do Caramiñal, dende aquela non o volvemos ver. Tamén é verdade que a falla de financiamento para levar a cabo esta actividade non permitiu realizala, nestes últimos anos, máis alá da Ría de Vigo, que é onde a CEMMA conta coa base da súa embarcación TONIÑA UN.

Cando aparecen arroaces nun lugar onde non son habituais, os equipos buscan nas bases de datos se son coñecidos, así é como a Sociedade Portuguesa para a Vida Selvagem-SPVS de Portugal se puxo recentemente en contacto coa CEMMA para comunicar a presenza de dous arroaces na costa Alentejana dende principios do mes de xullo. Este intercambio de información é un procedemento habitual, o mesmo que permitiu identificar a GASPAR cando chegou a Galicia no ano 2007. Deste xeito puideron comprobar como QUEIK, un arroaz ao que lle estimaban 25 anos de idade, estivo 11 anos nas Rías galegas e realizou un desprazamento de máis de 500 km ata o sur da costa portuguesa.

No Alentejo, aínda que a presenza de cetáceos nas súas costas non é rara, non existe presenza de mandas estables de arroaces costeiros. É por iso que a presenza destes dous arroaces chamou moito a atención. Neste momento estanse tratando de recoller bos documentos gráficos para tratar de identificar ao outro exemplar que o acompaña.

2018-07-23 - QUEIKE-v3

Anuncios