
O Partido Popular de Baiona asegura nun comunicado que o alcalde de Baiona, o socialista Carlos Gómez, comeza o ano 2023 da mesma forma que o terminou, “desprezando aos veciños e á oposición para torpedear o seu labor fiscalizador”. Durante o ano 2022 a corporación municipal celebrou dez plenos ordinarios e deles seis foron convocados fóra da data acordada ao comezo da lexislatura, o primeiro xoves de mes, “sen xustificación algunha e sen consultalo previamente cos portavoces dos diferentes partidos”. Nalgunhas desas ocasións, o rexedor convocounos con ata tres semanas de atraso. O portavoz do grupo municipal popular reprochou ao alcalde no pleno de decembro este descontrol, “aínda que sen resultado porque en 2023 o desprezo e a falta de respecto repítese”.
Neste novo exercicio, o primeiro pleno do ano tería que realizarse o vindeiro xoves 2 de febreiro, pero tampouco será posible. A comisión informativa previa a este órgano colexiado, o principal, tería que celebrarse onte 26 de xaneiro, pero tampouco foi convocada. Por tanto, nin os veciños nin os concelleiros e concelleiras saben a día de hoxe cando será o pleno correspondente ao mes de febreiro. Unha “total falta de transparencia” e un “escurantismo absoluto” cara aos cidadáns, consideran os populares que provoca, ademais, que haxa edís que non poidan organizarse na súa vida laboral e persoal para desempeñar o seu labor político. O mesmo ocorre cos veciños, aos que lles resulta case imposible saber o día que hai pleno para poder exercer o seu dereito para asistir como oíntes á sesión.
Plenos baleiros de contido e máis gasto en extraordinarios urxentes
Aos populares chámalles a atención que a maioría dos plenos ordinarios, a pesar de estar convocados con moito atraso, tamén están baleiros de contido. “Unha mostra de que o tripartito non traballa, non se preocupa nin se ocupa dos problemas dos cidadáns e vive da inercia da propia actividade local”. “Con todo, tiveron en 2022 a desvergoña de citar á oposición só 48 horas antes a dous plenos extraordinarios urxentes, totalmente innecesarios, que se celebraron con menos de dúas semanas de diferenza, para pagar facturas millonarias que eles mesmos xeraran un ano antes. É inaudito no Concello de Baiona que un alcalde zurre desta maneira á oposición e aos veciños”, critican desde o PP, que poñen o acento no gasto engadido que supón isto para as arcas municipais.
E a este incumprimento reiterado do alcalde, súmase tamén o caos noutras convocatorias como na Comisión do PEPCHAB, que se reuniu onte despois de sete meses a pesar de que a súa celebración debería de ser bimensual, ou no Comité de Distincións e Honras, que o rexedor se comprometeu co PP a convocar antes do mes de xuño de 2022 para valorar a homenaxe ao xornalista Pepe Costas e que a día de hoxe aínda non fixo. “A desidia do principal responsable do PSdeG de Baiona e dos seus socios de goberno, BNG e NOS é tanta que non só falta á normativa senón tamén á súa propia palabra e, en consecuencia, aos veciños de Baiona sen importarlle absolutamente nada”.