Anuncios
Ticker de novas

Dúas esculturas en pedra homenaxean costumes mariñeiras en Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Barco.

O Concello de Nigrán conta dende esta semana con dúas novas esculturas en pedra que, de seguro, formarán parte do conxunto de distintivos señeiros no seu territorio. As dúas pezas foron elaboradas pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra previo encargo ad-hoc do Concello. Así, “Os barcos morren na Foz” atópase xa instalada no paseo do esteiro, fronte onda os mariñeiros abandonaban antigamente as súas vellas embarcacións, e “O Corveiro” (palabra coa que os mariñeiros nomean ao lugar onde esta ave estende as súas ás ao sol) está en Gaifar (Panxón) xunto o banco onde cada día se reúnen ao sol decenas de veciños, a maioría deles mariñeiros xa retirados que bautizaron así lugar (o Concello instalou incluso unha pérgola e un banco máis grande).

“Son dúas pezas que encargamos ex-profeso para estes lugares co obxectivo de render homenaxe a dúas costumes moi diferentes protagonizadas por mariñeiros e, por outra banda, serven para por en valor o gran traballo dos canteiros galegos”, sinala o alcalde, Juan González.

“Os barcos morren na Foz”, que representa a unha embarcación en estado ruinoso, foi realizada por Esteban Casas, alumno da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A peza mide algo máis de dous metros de largo e pesa 3.200 quilogramos. “O Corveiro”, elaborado polo tamén alumno Víctor Manuel Casal, mide coas ás estendidas 1,20 m de ancho e 85 cm de alto (1,70 metros en total se se conta o pedestal) e pesa 1.200 quilogramos. Ambas foron elaboradas o curso pasado durante preto de catro meses.

“Estamos moi satisfeitos co resultados e xa estamos pensando en novos encargos”, asegura o rexedor.

Anuncios