“Estou seguro de que todo o que se fixo, fíxose ben e da maneira correcta”

O rexedor socialista Carlos Gómez no despacho da casa do concello de Baiona.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, remitiu un comunicado tras o decreto do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo no que ordena que se continúe a tramitación do procedemento contra o rexedor por presuntamente simular ter unha licenza de estacionamento e sacarse cinco multas por aparcar nunha zona de carga e descarga.

Gómez Prado afirma que “estou seguro de que todo o que se fixo, fíxose ben e da maneira correcta. A tarxeta de estacionamento outorgouma a Policía Local de Baiona e solicitouse da maneira que se fixo sempre no Concello de Baiona”. Así mesmo, indica que “aparquei sempre onde me indicaban que podía aparcar”.

O rexedor lembra que o Concello de Baiona ten delegado no ORAL a xestión das multas “e todo o que se recibe dese ente acátase e asínase de maneira automática”. “En consecuencia, estou tranquilo e presentarase un recurso contra o auto xudicial, estando seguro de que se resolverá favorablemente, ademais de esperar que se faga o máis axiña posible”.