PP: “Existen familias que tiveron cadros gastrointestinais e desconfían que fora de bañarse”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia América desde Lourido.

O Partido Popular de Nigrán denuncia a falta de execución das medidas preventivas e a falta de implicación do goberno nun tema tan delicado como é a saúde. Recalcan que os erros débense aceptar e poñer no taboleiro todas as solucións posibles, deixando o xogo político á marxe, e non intentarse escudar nin mentir para desfacerse da responsabilidade á que están suxeitos. “É momento de cooperar e facer fronte a un problema que afecta a todos directamente”, afirma Mª José Pino.

Nas últimas semanas de agosto, en plena tempada estival, inícianse labores de inspección por parte de inspectores farmacéuticos de saúde pública, e constatan no seu informe oficial que as augas da zona de baño da Praia América teñen presenza microbiolóxica superior a 2000nmp/100ml de Escherichia Coli, máis outras condicións que non corresponden coas obrigacións esixidas pola Lei 8/2008, de saúde de Galicia. “Tras a recepción de devandita información o goberno socialista non pon en práctica as medidas necesarias de xestión desta circunstancia que pon en perigo a nosa saúde”, recorda a presidenta dos populares.

O Partido Popular denuncia a irresponsabilidade do goberno socialista, que como autoridade competente non soubo garantir a seguridade necesaria para non poñer en risco a saúde dos bañistas senón todo o contrario. “No momento da notificación do informe oficial non colocan os carteis que proporcionen a oportuna información para que saibamos o risco que corremos e adoptemos as precaucións necesarias. Recordámoslle o Sr. Juan que non todo é política e que a saúde está por riba de todo. Existen familias que afirman que tiveron cadros gastrointestinais, e desconfían que a causa fora de bañarse nas zonas que estamos a falar. E declaran que alí estábanse a bañar moitos nenos e bebés”, lamenta Mª José Pino.

“A incoación do expediente sancionador que inicia a Xunta no Concello de Nigrán, provén dunha falta de responsabilidade grave no cal se puxo en xogo a nosa saúde, o obxecto da lei é protexernos de autoridades non competentes que tratan de protexer a súa actividade política sen pensar a quen representan, e reiteramos que neste xogo non hai gañadores, perdemos todos”, conclúe a presidenta do Partido Popular.

Anuncios