Gondomar acolle o I Open 24 Horas de Automodelismo

Un total de 10 equipos chegados de diferentes puntos da xeografía española daranse cita en Gondomar para disputar unha proba de resistencia, ao máis puro estilo “24 horas de Lemans” pero con vehículos comandados por radio e a escala 1:10, propulsados por un motor eléctrico. En canto aos pilotos participantes cabe destacar a presenza, entre outros, do novo Álvaro Fernández, natural de Narón, campión de España no ano 2021 e 5º clasificado no Campionato de Europa disputado en Valencia no ano 2022 na categoría de 1:8 pista gas, considerada como a fórmula 1 do automodelismo.

No caso desta proba que se disputará o sábado 28 e o domingo 29 de xaneiro no Pavillón Municipal Bernabé Costas, os 10 equipos participantes, formados por 3 ou 4 pilotos cada un deles, competirán con mecánicas idénticas. Son automodelos manexados por radiocontrol, de escala 1/10 e impulsados por un motor eléctrico e que reproducen fielmente o modelo Mclaren Senna, un dos superdeportivos máis espectaculares que se poden ver actualmente.

Na presentación o alcalde Paco Ferreira subliñou que “se trata dunha proba inédita en Galicia e practicamente en España ou Europa, xa que este formato de 24 horas non é nada habitual nesta modalidade deportiva dos coches a radiocontrol”. Ferreira animou a toda a cidadanía de Gondomar “a pasar polo noso pavillón municipal e non perderse un espectáculo que ten os mesmos alicientes que calquera carreira automobilística de primeiro nivel pero en pequena escala”. Por último o rexedor local quixo agradecer á Asociación CAVI ter elixido Gondomar para realizar un evento desta envergadura, que estamos seguros que será todo un éxito”.

Pola súa banda o Presidente da Asociación CAVI, Alberto Alonso, agradeceu “todas as facilidades e o apoio do Concello de Gondomar e do seu alcalde Paco Ferreira para que esta carreira cun formato tan novidoso e espectacular poida saír adiante, xa que sen a súa axuda non sería posible”.