O Erizana Club de Fútbol recibe o máximo recoñecemento de Baiona

O Concello de Baiona homenaxeou este domingo ao Erizana Club de Fútbol coa entrega da “Medalla de Ouro”. O Pavillón Municipal de Deportes acolleu o acto de entrega do máximo galardón que pode outorgar a Corporación Municipal, no que estiveron presentes todas as categorías do club e membros da Corporación do Concello de Baiona. A “Medalla de Ouro” foi recollida polo presidente da entidade, Jose Antonio Figueroa Comesaña, que agradeceu esta distinción “en nome de toda a xunta directiva e de todos aqueles que antes que nós estiveron traballando todos estes anos desinteresadamente día a día por este gran club”. Tamén se acordou deses pais, nais e avós “que día a día traen aos seus fillos e netos para que formen parte desta gran familia erizanista, do mesmo xeito que a todos os integrantes do club”.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comezou a súa intervención dicindo que a concesión da “Medalla de Ouro” resume “a historia futbolística dun pasado glorioso, dun presente sobresaliente e dun futuro máis que prometedor no deporte rei por excelencia na Vila de Baiona”. O rexedor afirmou que as escolas deportivas, así como todas as categorías do Erizana, “constitúe en si mesmo un fenómeno social de especial transcendencia no municipio”. “O Erizana ao longo deste último medio século de vida, propiciou a práctica deportiva entre os baioneses e baionesas de todas as idades e condicións sociais, contribuíndo de maneira decisiva no aumento dos hábitos futbolísticos na nosa contorna”, continuou Gómez Prado.

O alcalde finalizou destacando que “o desafío actual do Erizana non se basea simplemente en prestar servizos futbolísticos aos xogadores ou xogadoras, aos socios e as socias, senón que a través da práctica do deporte que aman, sexa unha canle para educar á futura cidadanía baionesa en valores deportivos, cívicos, sociais, na que os logros ou derrotas do equipo sirvan para crecer e aprender como individuos nesta sociedade cada vez máis competitiva”. “O meu parabén a toda a familia do Erizana Club de Fútbol, e que esta Medalla de Ouro que vos acabamos de entregar brille nas vitrinas do club, como máximo trofeo outorgado polos veciños e veciñas de Baiona”, concluíu.

O Erizana Club de Fútbol comezou a súa andaina en 1950 da man dos seus fundadores, o Pai Fernando Muñoz Arousa e Victorino Goce Carballo. O club se federa en 1951 co nome de CF Xuvenil Erizana e comeza a competir no campionato de zonas, onde alcanzou varios títulos e copas. Os seus primeiros partidos xogounos no campo da Palma, ata que as obras de construción do Parador de Turismo imposibilitouno e o club viuse obrigado a disolverse no ano 1965. En 1977 fundouse o “Trueno de Baiona” baixo a presidencia de Jose María Besada, e construíuse o campo de Santa Marta, na Praia Ladeira. Ao ano seguinte, o equipo retomou o nome inicial de Erizana CF.

Actualmente o Erizana xoga nos campos de Val de Martín, inaugurado en 1994 cun partido fronte ao SD Compostela, e tamén compite de forma regular no Campo Municipal do Aral-Fontiñas, inaugurado en 2005. O seu escudo e himno representan a esencia dun pobo mariñeiro, loitador por necesidade e afeito remar contracorrente. O Erizana é un club modesto, unha gran familia na que xogadores, directivos, pais e nais aúnan forzas para sacar adiante este gran equipo humano. Sempre foi así, un club sustentado nas ilusións e enerxías de grandes xogadores saídos das canteiras do club e directivos da zona. Familias completas nas que os avós, fillos e netos, xogaron e compartiron ademais da súa paixón polo fútbol, o escudo, as cores e o nome do club.

Despois virían épocas douradas do Erizana. Nos anos 70 e 80 que fixeron historia futbolística na Real Vila. Chegaron épocas moi brillantes tamén para o Erizana Feminino, que xogou en Segunda División Nacional desaparecendo definitivamente no 2018 despois de 10 anos de competición por falta de xogadoras da canteira. O gran cambio do Erizana produciuse hai máis de 30 anos cando tras a creación da categoría xuvenil, créanse as escolas deportivas municipais. Desde ese momento, o día a día dos campos do Aral e Val de Martín convértese nunha marea de mozos que dan colorido ao pobo, da mesma maneira que levan defendendo as cores e o nome de Baiona por toda a xeografía galega e nacional.

O crecemento das categorías base deu ao Erizana unha dimensión social impensable naquel momento, á vez que se nutría de mozos e mozas que formaban parte da canteira do club, este dáballe unha alternativa deportiva a multitude de mozos e mozas da vila nuns anos nos que as opcións de lecer eran ben escasas. O Erizana foi o primeiro club de Baiona en facilitar que todos os nenos e nenas tivesen acceso ao deporte, independentemente das súas habilidades e capacidades económicas. Actualmente e despois de anos de moitas dificultades económicas, o club atópase saneado e especialmente estable, o que lle permitiu crecer na estrutura deportiva e social, converténdose en pioneiro á hora de complementar a formación non soamente futbolística dos seus xogadores, senón abarcando tamén outras áreas de desenvolvemento, como a nutrición e saúde integral dos rapaces.