O salón que se converte en Belén en Nigrán

Fernando e Rosa instalaron un ano máis na súa casa situada no número 17 da Rúa Gobernador, na parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa, o seu tradicional Belén. Nas noites do mes de novembro, durante un par de horas cada día, con mimo e agarimo preparan a base da gran maqueta do Nacemento de Xesús e colocan peza a peza, ocupando un espazo de máis de 40 metros cadrados do seu salón. Cada Nadal, son centos de curiosos os que se achegan para contemplar a gran cantidade de elementos que incorporan todos os anos.

A Rosa sempre lle gustou, desde pequena, pero economicamente non se podía. Empezou aos poucos, cun Belén pequeno sobre un metálico de cama de 90. Pintaba as figuras en clases de manualidades e o seu amigo belenista Fernando Fernández Penedo, animouna a facelo máis grande. A partir de aí, coa axuda do seu marido, comezaron a tradición deste Belén de grandes dimensións que foi aumentando o seu tamaño ata chegar ao actual.

A gran maqueta inclúe un incalculable número de figuras e pequenos detalles, ademais de auga e peces de verdade, luz, movemento e elementos de pedra, como un cruceiro, pontes, un castelo, fontes… Non falta o pesebre, os Reis Magos, mercadores, artesáns, muíños de vento, pirámides, e infinidade de animais, camelos, patos, vacas, cabalos, ovellas, cans, galiñas…

O Belén converteuse nun atractivo máis dos que ofrece o Nadal en Nigrán e no Val Miñor, xa que cada ano Rosa e Fernando abren as portas da súa casa a todos os veciños e veciñas da comarca para que o visiten. As mellores horas para contemplalo, polas tardes, incluídas as fins de semana. “Eu se estou na casa, a calquera que veña ensínollo”, sempre comenta Rosa.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.