O Acro Club Nigrán recibe unha polea deportiva como agasallo de Nadal

O Concello de Nigrán vén de investir 2.500€ nunha polea deportiva para que o Acro Club Nigrán poida continuar formando de xeito máis completo ás deportistas de ximnasia acrobática. Trátase dunha liña para a práctica deportiva ancorada á estrutura (viga tras falso teito) mediante dous postes Tractel UNE EN 795/A con contra placas e comprobadas, segundo norma, con extractómetro e dinamométrica. A aposta do Concello por este deporte é absoluta dado o gran interese que esperta entre a mocidade desde que primeiro se establecera como actividade extraescolar no CEIP Humberto Juanes e no 2016 se consolidase xa como club. Esta polea de competición vén completar un espazo deportivo que xa conta cun tatami de competición de 200 metros cadrados e cun custe de 14.700 € para poder adestrar no colexio.

“É un orgullo que estas nenas, auténticas deportistas de elite, leven o nome de Nigrán por toda España e sexan un referente e por iso é preciso seguir mellorando as instalacións onde adestran no ximnasio do Colexio Humberto Juanes”, subliña o rexedor. O Acro Club Nigrán vén de consolidar o seu liderado en Galicia ao subir ao podio con practicamente todos os equipos no Campionato Galego Absoluto e na Copa Galicia Escolar. “Coa polea de axuda melloraremos moito o rendemento das ximnastas e sobre todo de cara a un ano 2023 no que participaremos en certames en Portugal, Bulgaria e os Campionatos de España e Europa”, declara Aarón Castro, adestrador do Acro Club Nigrán.

A ximnasia acrobática, tamén coñecida como acrosport, é unha modalidade deportiva incluída na Federación Internacional de Deportes Acrobáticos (fundada en 1973) e forma parte da Federación Internacional de Ximnasia desde 1999. É unha disciplina na que existen distintas modalidades. O exercicio debe conter elementos acrobáticos e ximnásticos de flexibilidade, equilibrio, saltos e xiros, así como movementos en cooperación entre os compoñentes do grupo realizando figuras e pirámides corporais. En todo momento debe existir harmonía e coordinación nas accións realizadas polo grupo. Valórase a dificultade, a técnica e a dimensión artística.