
Luns, día 26 de decembro de 2022. Cinco persoas agardan polo bus na parada das Travesas en Vigo para volver ás súas casas en Gondomar. Son as 21:00 horas da noite e como de costume non debería tardar moito en chegar o coche de liña. Pasan 15 minutos, pasa media hora, pasan 45 minutos e, por fin, ás 22:00 horas chega o bus á parada. Nas oficinas de Lugove ninguén colleu o teléfono para explicar que pasaba. Sóubose despois que seica foi por culpa dos atascos que provocan as luces de Vigo e polos cambios provocados pola nova estación de buses recentemente inaugurada.
Pero segundo denuncia Manifesto Miñor, isto non foi todo. Resulta que o micro-bus de Lugove viña cheo e das cinco persoas que agardaban na parada só puido subir unha quedando en terra as outras catro restantes, das que dúas eran raparigas menores de idade. “Ao final o problema resolvérono os pais e os familiares indo a Vigo a recoller aos malogrados viaxeiros. Eu pregunto, de verdade é así como pensan facer útil e atractivo para os usuarios un servizo público de viaxeiros? De verdade os nosos gobernantes están interesados na famosa descarbonización e que os cidadáns deixemos os coches na casa?”, pregúntase Antonio Araújo.
Manifesto Miñor esixe que dende a Xunta de Galicia se corrixan estes problemas canto antes, “pois non é a primeira vez que acontecen”.