O PSOE de Baiona destaca que o investimento do Concello en políticas sociais aumentou máis dun 30% neste mandato

Os socialistas de Baiona destacan que o investimento do Concello en políticas sociais aumentou máis dun 30% no actual mandato municipal, “unha sinal de identidade en calquera administración pública xestionada polo PSOE”. A Agrupación Socialista Local continúa coa súa campaña “Baiona está de Volta” para facer balance do mandato municipal, neste caso no que respecta ás políticas sociais. “Deixamos atrás esa concepción dos Servizos Sociais como algo semellante á beneficencia ou á caridade. Non, son cousas diferentes, os Servizos Sociais son un dereito dos veciños, un dereito protexido pola lei para darlle asistencia desde as administracións ás persoas que o necesitan”, explica o alcalde e candidato socialista á alcaldía en maio de 2023, Carlos Gómez Prado.

Neste ano 2022, o departamento municipal de Servizos Sociais atendeu máis de 6.000 solicitudes de atención, dando por suposto prioridade aos colectivos en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Polo que respecta ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no Concello de Baiona pasouse de 1.097,19 horas de atención de media cada mes no 2016 ás 2.983,60 horas ao mes do ano 2022. O Concello puxo tamén en marcha proxectos para outros grupos de idade, como “Vincúlate”, un programa pioneiro de intervención con animais para menores de entre 9 e 17 anos. O proxecto busca promover a melloría das distintas funcións sociais, emocionais e cognitivas, así como proporcionar pautas saudables de comunicación.

Así, propón que cada rapaz ou rapaza apadriñe un can, o adestre e o acompañe no proceso de ser acollido por unha familia, e durante este proceso, de forma paralela e cun programa de actividades, os menores traballan a súa intelixencia e comunicación emocional. Por último, o Concello asinou numerosos convenios co tecido asociativo, colaborando coas actividades de entidades como Asafa, Avelaíña ou a Asociación Española contra o Cancro.