Carlos Gómez será o novo alcalde de Baiona tras pactar PSOE, NÓS e BNG

FOTO: PEPE COSTAS // Carlos de la Peña, Carlos Gómez e Iago Pereira.

O cambio en Baiona xa é un feito e na tarde de onte os líderes de PSOE, NÓS e BNG anunciaron o pacto que lles permitirá formar un goberno composto por dez concelleiros de aquí ao próximos catro anos, desbancando a un Partido Popular que leva coa batuta de mando desde 2004 de maneira ininterrompida. Así pois os círculos péchanse e o ciclo repítese.

Se hai case 16 anos os populares arrebataron a alcaldía ao por aquel entón socialista Carlos de la Peña mediante unha moción de censura que colocou ao mando a Jesús Vázquez Almuíña, onte foi precisamente De la Peña o que formalizou o tripartito co socialista e futuro alcalde Carlos Gómez e o nacionalista Iago Pereira, aínda que nesta ocasión ao abrigo do partido independente NÓS coa rúbrica dun documento que marcará as pautas cooperativas ata 2023 e que deixou ao PP sen opcións. Unha firma simbólica seguida dun apertón de mans a tres bandas levado a cabo no salón Condal do parador Conde de Gondomar de Baiona.

Durante a rolda de prensa celebrada onte tanto Gómez, como De la Peña e Pereira coincidiron en que o seu acordo responde a “unha necesidade de cambio que se viu reflectida nas urnas” e que tratarán de gobernar “achegando estabilidade de aquí aos próximos catro anos”. O futuro rexedor da vila afirmou que son conscientes do reto que supón “o cambio” e que o afrontarán con “humildade, prudencia e tratando de cumprir as altas expectativas fixadas”. Pouco se sabe en firme da repartición de competencias aínda que Gómez adiantou que “xa está todo decidido” pero que o farán público na celebración do primeiro pleno de constitución de goberno, do mesmo xeito que a asignación de salarios dos dirixentes. Neste sentido o único que aseguraron é que non excederán o teito de gasto do PP nas partidas.

En canto ao acordo asinado adiantaron que “dará prioridade aos veciños da vila” e que a partir de mañá 15 de xuño, momento no que o líder socialista asumirá o bastón de mando, “a casa do concello permanecerá coas súas portas e xanelas abertas”. Pereira cualificou a situación de “transformadora” e mantivo que “grazas á vontade do pobo reflectida o 26 de maio ábrese unha vía ao cambio que vai saír ben”.

De la Peña pola súa banda agradeceu a chegada a bo porto de “un acordo que foi moi laborioso”, que permitiu a chegada dunha nova etapa que ademais “modificará o funcionamento do Concello ata o momento e cunha base suficiente para construír un novo goberno”.