“Un só efectivo do GES para todo o Val de Miñor na Noiteboa, e por enriba a comarca afogando”

Manifesto Miñor denuncia nun comunicado que na Noiteboa había de garda un só efectivo do GES “mentres medio Val de Miñor afogaba, principalmente a vila de Gondomar e o barrio da Ponte en Mañufe”. “O goberno da Mancomunidade é o responsable de semellante neglixencia por non cumprir coa promesa de dotar ao GES con máis persoal e sobre todo, por pasar da súa xestión. Asemade a veciñanza debe saber tamén que o GES da nosa comarca conta con varias bombas de achique que poden evacuar máis de 1000 litros por minuto e que non se puideron utilizar por falta de efectivos”, lamenta Antonio Araújo.

“Onde estaba o goberno da Mancomunidade e toda a oposición? Por que non cumpren a promesa de dotar ao GES con máis persoal tal coma prometan os alcaldes da comarca a principios do mandato? Por que non hai un xerente e un responsable político do goberno da Mancomunidade que faga que un servizo tan importante funcione? Obviamente os traballadores do GES fan máis do que humanamente é posible, moitas veces xogándose a vida. Dende Manifesto Miñor estamos cansos de avisar da importancia do GES, por moitos motivos, un deles por proximidade. Só é necesario máis persoal e mellor organización. Aprenderán a lección os nosos alcaldes?”, pregúntase Araújo.

Chegado este punto Manifesto Miñor esixe explicacións públicas da situación do GES e de por que se chegou a este punto, “pois xa sabemos que lamentablemente ninguén asumirá responsabilidades políticas, e máis unha vez darán a calada por resposta, até conseguir o que realmente buscan: desfacerse do GES e un problema. Agora os tres alcaldes da comarca están a outras cousas de máis substancia electoral, esquecendo o importante como é o caso”, conclúe Araújo.