Vegalsa-Eroski e os seus clientes recadan máis de 190 toneladas de produto en favor dos bancos de alimentos

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski e os seus clientes recadaron 190 toneladas de alimentos a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) no marco da xa tradicional campaña solidaria da Gran Recollida que tivo lugar entre o 25 de novembro e o 6 de decembro en 260 dos seus establecementos Eroski e Autoservizos familia en Galicia, Asturias e Castela e León. Unha cifra que equivale a 500.000 comidas para 181 familias.

Transcorridos dous anos da pandemia de COVID-19 nos que non se puido levar a cabo a recollida física de alimentos, nesta ocasión os clientes puideron doar produtos aos voluntarios dos Bancos de Alimentos o 25 e 26 de novembro. Ademais, como xa fixo en anteriores campañas, os consumidores tamén puideron colaborar doando o importe que desexaban ao seu paso por caixa e como en anteriores campañas, Vegalsa-Eroski sumou unha achega adicional ao total recollido na campaña.

A cantidade obtida a través das achegas económicas queda ao dispor dos Bancos de Alimentos asociados a FESBAL para adquirir os alimentos que consideren máis convenientes e necesarios e que permitirán cubrir as necesidades básicas de alimentación de 181 familias durante todo o ano.

“Desde Vegalsa-Eroski, que levamos unha década colaborando de maneira ininterrompida con FESBAL, queremos agradecer un ano máis aos nosos clientes a xenerosidade e o apoio demostrado nunha edición na que se puideron recuperar as doazóns físicas de produto na tenda, xunto coas achegas económicas ao pasar por caixa. A colaboración de todos axuda a construír unha sociedade máis xusta e solidaria”, comenta a directora de Comunicación Corporativa e Sustentabilidade de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.