A escaseza de chan empresarial leva a Zona Franca a buscar oportunidades en Cuntis e A Cañiza

O nivel de ocupación do chan empresarial-industrial do Consorcio da Zona Franca de Vigo é moi elevado, chegando ao 100% na maioría. Esta situación levou á institución “á procura de oportunidades e estase traballando no desenvolvemento de posibles parques industriais como o da Ran en Cuntis, cunhas 64 hectáreas, e na Cañiza, con preto de 96 hectáreas”, segundo informou o delegado do Estado, David Regades, ao pleno do Consorcio na súa última sesión do ano.

No repaso que fixo David Regades sinalou que, no polígono industrial de Balaídos, a ocupación actual dos espazos en arrendamento é do 100% e por iso estanse levando a cabo os traballos necesarios para a ampliación do polígono, mediante a ordenación detallada que se incorporará á novo PXOM, en tramitación.

En canto á área de Bouzas, o edificio principal conta cunha ocupación dun 84%, aínda que están previstas novas adxudicacións que incrementarán a referida porcentaxe. As 3 naves e a superficie exterior presentan unha ocupación dun 100%. O delegado avanzou que durante 2023 publicaranse automaticamente os espazos que queden libres para os efectos de que os interesados presenten as correspondentes ofertas e axilizar os prazos de tramitación.

Dentro do ámbito de Vigo, está en marcha a tramitación que permitirá a ampliación do PTL, unha superficie de 25 hectáreas, e que será a maior área comercial e de lecer da contorna de Vigo. Está a estudarse a posibilidade de constituír unha sociedade, á que se incorpore unha entidade con experiencia probada na promoción e xestión de áreas comerciais e de lecer. Na actualidade, o Centro de Servizos conta cun 93% de ocupación mentres que as naves loxísticas alcanzan o 100%.

No polígono da Granxa no Porriño se continua coa oferta de arrendamento de oficinas, locais e naves no Centro de Servizos e no Centro de Iniciativas Empresariais, existindo actualmente unha elevada ocupación.

En Porto do Molle en Nigrán, a ocupación é de 100% nas naves bioclimáticas, nos viveiros e nos locais comerciais. Ademais, existe unha porcentaxe de ocupación moi elevado no Centro de Negocios e nos espazos para viveiros. No que afecta o Edificio Tecnolóxico e do sector aeroespacial a ocupación dos laboratorios é dun 100%, mentres que os espazos destinados a viveiro atópanse con alta ocupación.

O delegado do Estado explicou que á vista da altísima ocupación das 40 naves bioclimáticas que están arrendadas, iniciouse a construción dun novo complexo de novas naves en Porto do Molle e avanzou que está previsto que en 2023 convóquese a nova oferta de arrendamento.

En canto a parcelas, en Porto do Molle están dispoñibles 1 de uso industrial, 7 de uso lecer-recreativo, 9 de servizos múltiples e 1 de equipamento social.

Finalmente, no ámbito da Plisan continúase coa comercialización das, aproximadamente, 19 hectáreas que están libres na denominada área LLE -Loxística Empresarial- para o que se procederá á convocatoria da terceira oferta pública de venda e dereito de superficie das parcelas dispoñibles.

Planta de hidróxeno e planta fotónica

O delegado do Estado tamén se referiu aos grandes proxectos que Zona Franca ten en marcha, como é a planta de hidróxeno en Bouzas. David Regades explicou que se adxudicou o expediente para a redacción do proxecto e posterior execución das obras, cunha instalación que pretende abrir unha porta a un futuro descarbonizado, favorecendo ao desenvolvemento de novas tecnoloxías, mellorando a seguridade e resiliencia dos sistemas enerxéticos e actuando como un exemplo para a sociedade.

O delegado sinalou que “o Consorcio Zona Franca Vigo actúa, unha vez máis, como un axente facilitador e impulsor dunha economía máis xusta, accesible e libre de emisións”. A instalación solar fotovoltaica instalarase Bouzas, nas cubertas das tres naves industriais (Naves 1, 2 e 3) cunha extensión de 15.127 m2, mentres que a instalación de produción de hidróxeno situarase entre as naves 0 e 1, ocupando unha área aproximada de 330 m2.

O outro gran proxecto é o centro de produción de semicondutores fotónicos SPARC, no que Zona Franca participa como socio fundador, a través de VigoActivo. Prevese iniciar as obras no segundo semestre de 2023.