
O Apalpador, a tradicional figura do Nadal na Galiza, visitará este ano dous concellos da comarca do Val Miñor da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa “Nadal en Galego”. Na mañá deste martes a personaxe tradicional estivo no centro infantil de Príncipe Felipe e pola tarde visitou o Pazo Provincial, onde foi recibido pola deputada María Ortega, responsable do departamento de Lingua, e desexou boas festas a toda a provincia.
O Apalpador estará o día 31 de decembro, o día (xunto ao 24 de decembro) que tradicionalmente baixa da montaña para deixar agasallos aos nenos, en Nigrán ás 11:00 da mañá e en Gondomar ás 19:00 horas. Os percorridos itinerantes do pasarrúas polos centros das vilas estarán marcados por cada un dos concellos. Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.
O programa “Nadal en Galego” foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse coa mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, “O Apalpador” representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos dos nenos e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.