As intensas choivas provocan a maior riada das últimas dúas décadas en Gondomar

FOTO: MIGUEL JORGE ÁLVAREZ // Val Miñor Diario

Coas intensas choivas caídas nas últimas 48 horas as inundacións volveron a Gondomar, nesta ocasión cunha intensidade que non se lembraba en décadas. Os danos foron cuantiosos sobre todo na parte baixa do centro, xusto na confluencia do Miñor e o Zamáns con decenas de coches asolagados, rúas cortadas ao tráfico, o centro de saúde, locais comerciais, garaxes e a contorna de Rosalía sen luz.

O nivel da auga tragouse o transformador subterráneo deixando sen subministración a centos de veciños. O alcalde Paco Ferreira avanzou que activará unha liña de colaboración cos afectados mentres efectivos de FCC, voluntarios e Vías e Obras traballan desde as seis da madrugada nas zonas afectadas.

Os desbordes tamén se repetiron en Sabarís con inundacións en casas, o ximnasio Monte Real. En Nigrán o Muíños tamén se descontrolou provocando numerosos danos na contorna de Praia América. Debido ao aluvión de incidencias o GES viuse desbordado.