O BNG demanda máis recursos para o Val Miñor nos Orzamentos da Xunta de 2023

O Bloque Nacionalista Galego demanda máis recursos para o Val Miñor nos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2023. A fronte nacionalista vén de formular emendas ao proxecto de contas elaborado polo goberno do PP para reforzar os investimentos nos diferentes concellos en materia de sanidade, atención das persoas maiores, medio ambiente, vivenda e mobilidade.

Desde o BNG reclaman así ampliar o número de profesionais do servizo de saúde mental no centro de especialidades do Val Miñor, diante das elevadas listas de agarda que presenta, para o que piden destinar unha partida de 200 mil euros. Tamén no capítulo sanitario, reiteraron a esixencia de reverter o proceso de privatización da sanidade pública co rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro (37 millóns de euros) e iniciar as actuacións para incorporar o centro privado Povisa na rede do Sergas (500 mil euros), propostas conxuntas coas localidades adscritas a ambos hospitais.

En materia de atención ás persoas maiores, a fronte nacionalista propón a construción dunha de residencia no Val de Miñor (1,4 millóns) para paliar a escasa oferta deste servizo público nos concellos da comarca. Ademais, o Bloque reclama unha aposta decidida para resolver os crecentes problemas de vivenda, que rexistra importantes incrementos dos prezos tanto de alugueiro como de compra, reclamando a posta en marcha dun parque de vivendas de promoción pública a prezos alcanzables.

Outra das demandas das nacionalistas ten a ver coa AG-57, que conecta o Val Miñor con Vigo, na que insistiron na reivindicación histórica de iniciar o estudo para rescatar a concesión desta autovía de titularidade autonómica e poñer fin ao agravio que supoñen as peaxes (2,5 millóns). Mentres non se procede á súa recuperación para a xestión pública, desde a fronte solicitaron a bonificación transitoria dos pagos.

Desde o BNG chamaron tamén a un maior compromiso ambiental do Goberno galego. Entre as medidas propostas, reclaman 75 mil euros para iniciar un estudo para a rexeneración da Foz do Miñor, unha actuación que permitiría reverter a contaminación actual e recuperar o banco marisqueiro. E dentro dunha partida para toda a comarca de Vigo (2,5 millóns de euros), volveron esixir recursos para un plan de reforestación con especies autóctonas e accións preventivas fronte aos incendios, pendentes desde a vaga de lumes de 2017.