Nigrán outorga a licenza para a construción dun Burger King en Porto do Molle

A Xunta de Goberno Local do Concello de Nigrán deu luz verde este venres 11 de febreiro á licenza para a construción dun Burger King na parcela da gasolineira de Porto do Molle. A cadea americana abrirá durante este ano este establecemento de 422 metros cadrados con zona de restauración e tamén de recollida de menús, prevendo xerar 20 novos postos de traballo. A este xigante da comida rápida se sumará enfronte a finais de ano o seu gran competidor, McDonald´s, que se situará a escasos metros como parte importante do futuro parque empresarial Nasas.

“Estas licenzas levan aparellado xerar traballo, emprego e riqueza para o municipio; Porto do Molle é o gran activo de Nigrán e o será aínda máis en poucos meses, cando a apertura de Nasas e este Burger King impliquen a afluencia de 5 millóns de persoas só no seu primeiro ano”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que actualmente traballan 3.000 persoas nas máis de 160 empresas punteiras aquí instaladas. Precisamente, unha delas, Bodega MC, con sede en Porto do Molle desde 2020, será a encargada de deseñar e facer realidade o Burger King, tal e como habitualmente fai con esta cadea ou tamén con Bimba y Lola, Mango e NH Hoteles.

“Esta boa nova do Burger King e a apertura de Nasas supoñen un revulsivo inmenso e unha oportunidade única para a comarca, e por iso iniciaremos desde o Concello un plan de formación específico para a nosa veciñanza para que poida vir traballar aquí”, sinala o alcalde en referencia á xeración de emprego e á atracción de visitantes a toda a comarca. “Virá xente de toda Galicia e do norte de Portugal a Nigrán e iso indubidablemente conlevará beneficios para todos”, conclúe.

Nasas

Este parque comercial e de ocio familiar será a gran novidade de 2022 en toda España, non contemplándose ata entón a apertura de ningún similar. Ocupará unha parcela de 60.000 m² desenvolvéndose máis de 30.000 m² de superficie comercial que darán cabida a 30 locais comerciais e de ocio; cun investimento de 55 millóns de euros e xerando máis de 400 empregos directos, 150 indirectos e 270 operarios na actual fase de obra. A estas alturas está comercializado ao 90% e, entre as principais marcas que confirmaron a súa presenza, figuran, en alimentación: EROSKI VEGALSA, en bricolaxe: LEROY MERLÍN, en equipamento do fogar/decoración: JYSK, SAKITO, MAX COLCHÓN, en deporte: SPRINTER, DECATHLON e JOMA, en moda: MERKAL, en mundo mascotas: TIENDANIMAL, en ocio e restauración: McDONALDS, KFC, DIVERLAND, GYM, SUSIKO… Unha ampla oferta que permite calcular en 5 millóns o número de visitas no seu primeiro ano de apertura.