Carlos Gómez Prado destaca que Baiona pecha “un ano histórico para o turismo”

O PSOE de Baiona destaca os datos turísticos cos que a vila pecha o ano, unhas cifras que reflicten que o concello é de novo “a gran referencia turística de Galicia”. Segundo os datos da Oficina de Turismo de Baiona, a media de ocupación hoteleira superou o 80% no período de maio a setembro. En concreto, a ocupación foi do 69% en maio; 69% en xuño; 88% en xullo; 96% en agosto, e do 80% en setembro, unhas cifras históricas na vila. No ano anterior á pandemia do coronavirus, o 2019, as cifras de ocupación foron do 51% no mes de maio; 57% en xuño; 67% en xullo; 88% en agosto, e baixaron ao 33% en setembro.

“Estes datos avalan a nosa aposta por desestacionalizar o turismo con diferentes eventos e facer do municipio un destino máis verde, máis competitivo e máis sostible. Sobre estes tres piares xira a nosa folla de ruta nun sector clave para a economía local e o crecemento da vila”, afirma o alcalde e candidato socialista á alcaldía en maio de 2023, Carlos Gómez Prado. A provincia de Pontevedra rexistrou neste verán os seus mellores datos de afluencia turística do século XXI e, tras Vigo, Baiona foi o concello que máis visitantes recibiu, segundo as cifras que manexa a Deputación de Pontevedra.

Entre as iniciativas postas en marcha para desestacionalizar o turismo na vila, destacan os safaris de garranos, os roteiros “Baiona Natural” e o calendario de eventos realizados ao longo do ano. Coa campaña “Baiona está de Volta”, os socialistas de Baiona realizan balance do mandato municipal, “moi positivo para a nosa vila”.