Un estudo codirixido polo servizo de cardioloxía do Álvaro Cunqueiro publicado en The Lancet

O servizo de Cardioloxía do hospital Álvaro Cunqueiro ven de codirixir un estudo multicéntrico e multidisciplinar internacional para predicir o prognóstico de pacientes con infarto agudo de miocardio. Esta investigación acaba de ser publicada na prestixiosa revista médica “The Lancet”.

No estudo, coordinado polo grupo de Cardioloxía de Turín, participaron especialistas en cardioloxía e enxeñaría de países como Xapón, China, ou EEUU, entre outros. Do Álvaro Cunqueiro participaron sete cardiólogos baixo a dirección do xefe do servizo, Andrés Íñiguez. Dous deles, os doutores Sergio Raposeiras e Emad Abu-Assi, figuran como autores asinantes deste traballo.

Calculadora que estima o risco

Segundo afirma Raposeiras, “o obxectivo era desenvolver unha calculadora para estimar o risco de ter unha complicación, xa sexa en forma de reinfarto, hemorraxia pola medicación, ou falecer tras haber sufrido un infarto agudo de miocardio. Para isto, o Grupo de Cardioloxía de Turín, en colaboración con enxeñeiros desa Universidade, solicitou a colaboración do grupo de especialistas do Álvaro Cunqueiro. A calculadora púidose construír tras estudar, en total, uns 18.000 pacientes.

Mediante técnicas de intelixencia artificial, coñecidas como machine learning, procederon a desenvolver a devandita ferramenta. A través de algoritmos e fórmulas matemáticas creouse unha calculadora que, introducindo as características clínicas de cada paciente, permite estimar o risco que presenta de volver a sufrir un episodio cardiovascular. Aínda máis, posibilita identificar os niveis de risco (alto, baixo e moderado) en cada paciente, posibilitando deste xeito dirixir os recursos aos enfermos segundo os seu niveis de risco.

Esta calculadora é o embrión dunha futura aplicación dixital que será de gran utilidade na práctica clínica. Segundo afirma o doutor Abu,“poderá ser de moita axuda, especialmente nas revisións médicas, xa que nos facilitará a priorización do nivel de asistencia que require cada paciente segundo o grao de risco que presente; isto é, se o seu control e seguimento pódese continuar en atención primaria ou require da asistencia hospitalaria; así como o modelo de atención que precisa, presencial ou telemática”.

En definitiva, axudará a ofrecer tratamentos cada vez máis individualizados para minimizar riscos e mellorar así os resultados das terapias nos enfermos cun infarto de miocardio.

“Estamos moi orgullosos de que un estudo de cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro apareza en The Lancet, que amosa o impacto internacional desta investigación. Hai que subliñar que o feito de contar neste hospital co Grao de Enxeñaría Biomédica nos sitúa nunha situación privilexiada e supón unha oportunidade para seguir avanzado cara a unha medicina predictiva e personalizada”, conclúe o doutor Raposeiras.