Un novo parque público en Camos levará o nome do gran maquetista Feliciano Figueiró

Feliciano Figueiró, veciño de Camos, desenvolve incansablemente o seu traballo como maquetista afeccionado dende novo pero con máis afán dende a súa xubilación. Polas súas mans pasaron a Sagrada Familia, as catedrais de Burgos ou León, La Peregrina, La Almudena, o propio Concello de Nigrán… centos de obras que regala coa única condición de que sexan expostas nun lugar visible.

A súa paixón xurdiu cando apenas contaba con trinta anos, durante a década na que estivo embarcado na mariña inglesa. Alí sobráballe o tempo e decidiu dar renda solta á súa habilidade sen ter ningún coñecemento previo de carpintería ou enxeñería. Cando regresou a terra, Feliciano abandonou unha afección que non volveu reaparecer ata a xubilación dando os seus maiores froitos.

Feliciano coida especialmente cada unha das súas maquetas. Planifica a súa obra con antelación, fai medicións exactas, fotografía e observa minuciosamente cada proxecto. As constrúe coa madeira “que as carpinterías me van dando”, as pinta e lles aporta a aparencia de pedra con area “soprada”. Para que se aprecie a escala de cada un de los edificios, coloca pequenas persoas ao seu redor. “Gústame que sexan o máis próximas posible á realidade”, explica.

“Unha auténtica honra para todo Nigrán contar coa sabeduría e a excelencia deste gran artista, a súa obra espallada por toda Galicia é o resultado dunha innata habilidade para facer maquetas pero sobre todo dunha gran capacidade de observación e de análise de aquilo que logo será vivo reflexo da realidade. Este ano 2022 xa o nomeamos Premio Nigrán e agora, con este Parque Público que levará seu nome, quedará para sempre no rueiro e na memoria das xentes de Camos e de Nigrán”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

O acto, realizado entre o Concello de Nigrán e a Asociación de Veciños A Camoesa, será este sábado 10 de decembro dende as 17:00 horas. Descubrirase unha placa sobre un gran monolito de pedra e actuará o grupo “Os Alegres do Val Miñor”.