A escritora e poeta nigranesa Soledad García, galardoada con tres premios literarios en novembro

A escritora nigranesa Soledad García está de sorte. Este xoves recollía o terceiro premio do prestixioso certame de poesía en honra a Manuel Leiras Pulpeiro no concello de Mondoñedo polo seu traballo “Aposiopese”, en honra ao seu pai. O crítico literario e membro do xurado, Armando Requeixo, cualificou a obra como un poemario suxestivo sobre a memoria, o amor e as cicatrices. No acto de entrega Soledad García trazou un lazo de unión entre a comarca do Val Miñor e a comarca da Mariña, doando os seus libros “Dedas”, “Un paseo por Nigrán”, “Un paseo por Baiona” e “Samagostín” para a biblioteca municipal da vila de Mondoñedo, berce de figuras das nosas letras como Álvaro Cunqueiro ou Leiras Pulpeiro.

Outra das súas obras poéticas, “Vivaldi de haikus”, gañou o primeiro premio de poesía Anomar hai unha semana no concello de Teo. E en narrativa, foi galardoada co primeiro premio de relato curto coa obra “Nunha vila caben todos os ventos” no concello de Baiona. Os seus traballos destacan pola orixinalidade, un coidado uso do galego, a paixón pola súa terra e un uso didáctico con actividades e roteiros para gozar en familia. Soledad García é a escritora do grupo de fusión de arte Solaina Val Minor xunto coa ilustradora Laine Villero e a deseñadora gráfica Natalia Guisande. Forma parte do grupo de Promoción Urbana do Galego no Instituto de Estudos Miñoráns de Gondomar.