
Unha radióloga do Chuvi, Alejandra Matos, vén de recibir un premio “Cum Laude” no congreso nacional da especialidade, pola comunicación titulada “Cierre percutáneo de la orejuela izquierda, estudio prequirúrgico y principales complicaciones”. A Orejuela esquerda é unha estrutura cardíaca -dilatación das veas- ubicada na aurícula esquerda do corazón. Cando hai risco de desenvolvemento de coágulos e producir así accidentes cerebrovasculares, os especialistas indican a oclusión desta Orejuela para pechar a súa abertura.
O peche percutáneo consiste na implantación dun dispositivo por medio dun catéter que se introduce a través da ingre para acceder ao corazón, onde queda colocado de xeito permanente para ocluír así a Orejuela. Trátase dunha técnica cada vez máis empregada para a prevención de Ictus en pacientes con fibrilación auricular, e con contraindicación para o uso de anticoagulantes orais.
Para avaliar a Orejuela vénse utilizando a ecografía transesofáxica (introdución da sonda no interior do corpo). Sen embargo, a Tomografía Computerizada Multidetector (TCMD) ten revelado grandes vantaxes, e dada a súa alta resolución espacial e capacidade multiplanar converteuse nunha alternativa menos invasiva para a planificación do procedemento.
Así, segundo explica a autora principal deste traballo, “o obxectivo era revisar o protocolo de estudo mediante TCMD con sincronismo cardíaco empregado no noso hospital, describir os achados relevantes no informe radiolóxico precirúrxico así como as posibles complicacións tras o peche percutáneo da Orejuela esquerda”.
Eficacia do TCMD
A TCMD proporciona información anatómica sobre a morfoloxía e medidas da Orejuela esquerda para unha adecuada selección de dispositivo; tamén descarta a presencia de trombos, permitindo unha mellor valoración da anatomía cardíaca e extracardíaca. Ademais, xoga un papel importarte na avaliación das complicacións postprocedimento (trombos, fugas peridispositivo, peche incompleto, ou desprazamento).
En definitiva, conclúe a doutora Matos, “a TCMD é unha técnica non invasiva que proporciona a información necesaria para a avaliación anatómica precirúrxica e para o diagnóstico de posibles complicacións na oclusión percutánea da Orejuela. Os radiólogos debemos estar familiarizados con estas técnicas e coñecer as posibles complicacións tras o procedemento, para axilizar así os diagnósticos e as terapias”.