Recollida de axuda para Ucraína en Nigrán

A Asociación de Búsqueda y Salvamento Ría de Vigo y Baixo Miño, con sede en Nigrán, establece un punto de recollida de axuda para Ucraína. Esta mañá, membros do colectivo falaron con membros da xunta directiva da entidade AGA-UCRAÍNA, constituída no día de onte como a primeira entidade galega de axuda a Ucraína, para establecer unha colaboración na recollida de material médico, alimentos non perecedoiros precociñados, roupa de abrigo, ou aveños de hixiene e protección persoal.

“Establecemos un primeiro punto de recollida en Panxón, no establecemento Alimentación Chamorro, na rúa Arco Visigótico nº 9, en horario de 9:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas”, indica Javier Ferreira, presidente da entidade e veciño de Nigrán. “A idea é traballar coordinados baixo a dirección das entidades oficiais de axuda a Ucraína que vaian nacendo, dándolles o apoio e a axuda que nos soliciten, tanto en medios como en voluntariado, pois son elas quen sabe a realidade “in situ” do conflito armado, e por tanto as súas necesidades”.

Pretenden ir establecendo máis puntos de recollida e campañas escolares a medida que se lles vaia solicitando axuda. A esta iniciativa unirase tamén a Asociación de Búsqueda y Salvamento de Galicia, entidade xemelga, que se encargará de coordinar a iniciativa en toda Galicia.