Protestan pola instalación dun depósito de pedra usada fronte ao IES Escolas Proval

Membros da comunidade educativa do Instituto IES Escolas Proval de Nigrán denuncian que diante do instituto estivo medrando, dende hai meses, un depósito de pedra usada. Comezou nun dos campos de cultivo que lindan directamente na estrada e a escasos metros do río Miñor; pouco a pouco aumentou a súa extensión sen ningún letreiro que o xustificase. Máis tarde apareceu ao pé da estrada a indicación de que é propiedade dunha empresa.

“O aspecto que unha instalación deste tipo presenta é, como se pode esperar, antiestético. Preguntámonos se enfronte dun edificio histórico e protexido por Patrimonio, como é a sede deste instituto, se pode dar permiso para colocar tal industria? Nós non o entendemos, sobre todo porque no propio instituto temos moitas limitacións para facer obras de calquera tipo, aínda que sexa no edificio novo, que non está máis cerca do antigo que a instalación de entullo da que estamos a tratar. E dicimos isto sabendo que convivimos cun depósito de coches de despezamento que hai uns anos ardeu e case provoca graves danos nas instalacións do instituto”, consideran.

“Aínda obviando o edificio histórico do instituto, a paisaxe que presenta o tal depósito de pedra non é oportuna á beira dunha estrada tan concorrida (PO-340), máxime nun territorio que o Concello de Nigrán e o veciño Concello de Gondomar presentan como de reclamo turístico. Aínda nos sorprende máis isto cando no polígono industrial do propio concello de Nigrán se coida a estética das naves que se constrúen e a dos espazos verdes que as rodean. Se isto se fai dentro dun polígono industrial, como se permite que instalacións industriais estean dispersas polo municipio no medio de vivendas, camiños e estradas producindo ruídos e sen ningunha pantalla que palíe o efecto visual?”, engaden.

Outra consideración é que a instalación está na veiga do río Miñor, a menos de cen metros do seu leito. Hai moita lexislación que vela por ecosistemas deste tipo, polo que tamén quixeran saber se se tivo en conta este problema. “Xa non digamos nada se en realidade se tratase de desamiantar, tal como reza o letreiro desta industria, porque ás cidadás e cidadáns particulares esíxesenos unhas condicións moi estritas se temos que mover este tipo de material nas nosas propiedades”.

Unha cuarta consideración é que esta instalación industrial, evidentemente, xera tráfico de vehículos que teñen que manobrar na propia estrada, unha estrada principal e moi concorrida. Aumenta así o problema de aglomeración de vehículos que xa de por si presenta a vía neste punto. “O centro educativo leva aquí máis dun século, nunca se fixo nada por darlle outro acceso e agora empeórase a situación con outra instalación que concentra problemas de tráfico no mesmo lugar. Preguntámonos se o que se pretende é montar un polígono industrial arredor deste edificio histórico e sen que figure no PXOM de Nigrán?”, conclúen.