Naturgy inviste en Gondomar 1,2 millóns para mellorar a subministración eléctrica

A distribuidora de electricidade do Grupo Naturgy UFD está a desenvolver un importante plan de actuacións para reforzar a fiabilidade do servizo no municipio de Gondomar e minimizar os tempos de resposta nas súas actuacións, co obxectivo de impulsar a calidade e a fiabilidade do servizo na zona. En concreto, a compañía destinou máis de 700.000 euros no reforzo da potencia eléctrica en todo o municipio, coa instalación de dous novos centros de transformación nos barrios de Fonte e Peroleira, na parroquia de Peitieiros, onde UFD está a realizar a canalización subterránea de máis de 1.700 metros de liñas de baixa e media tensión. As obras en Peroleira xa finalizaron, e actualmente a compañía está a traballar en Fonte, nos lugares de Gándara e Area.

A distribuidora tamén soterrou 1.500 metros da liña de media tensión que dá subministración a Donas e instalou un novo centro de seccionamento. Todo iso permitiu desmontar preto de 2.000 metros de liña de media tensión aérea e retirar 7 apoios de media tensión. Así mesmo, está prevista a ampliación da capacidade do centro de transformación de Piquetes e estanse executando traballos de mellora na subestación de Gondomar. UFD destinou, ademais, estes dous últimos dous anos, 260.000 euros a traballos de talla selectiva e poda de árbores e roza para a prevención e defensa contra os incendios forestais e garantir o óptimo funcionamento da subministración eléctrica. O obxectivo destas tarefas de limpeza nas zonas de servidume das liñas é garantir as maiores condicións de seguridade para as infraestruturas de subministración eléctrica e asegurar a calidade e a accesibilidade da rede, evitando posibles incidencias por acumulación de masa forestal nas zonas próximas ás redes de distribución.

Avances na telemedida e a telexestión para optimizar a fiabilidade do servizo

UFD fixo un importante esforzo nos últimos anos en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol e sensorización das redes, así como no robustecemento das infraestruturas e integración das redes de comunicación e sistemas de información coa rede convencional para optimizar a súa explotación. Nese sentido, a distribuidora eléctrica investiu máis de 200.000 euros na instalación de puntos de telecontrol e os seus respectivos reconectadores nas liñas que alimentan Gondomar, o que permitirá optimizar a fiabilidade do servizo e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia.

O delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, explica que con estas novas actuacións, a distribuidora cumpre o compromiso adquirido cos veciños de Gondomar e co seu alcalde, Paco Ferreira, que tanto insistiu en impulsar a calidade e fiabilidade do servizo neste municipio. Pola súa banda, o rexedor considera que “esta mellora nas infraestruturas era moi necesaria, xa que era unha demanda de hai varios anos dos veciños da zona tras as incidencias sufridas. Agora, con este investimento de máis dun millón de euros poderán gozar dun mellor servizo eléctrico”.