O CB Nigrán está xa inmerso na organización do VIII Torneo Solidario “Encesta un Alimento”

O Club Baloncesto Nigrán está xa inmerso na organización da VIII edición do Torneo Solidario “Encesta un Alimento”, que se desenvolverá no Pavillón Municipal de Panxón os días 26 e 27 de decembro. Trátase do torneo máis grande que organiza o club de baloncesto nigranés e que enche o Pavillón de Panxón durante dúas intensas xornadas.

Centos de nenos e nenas de toda Galicia gozarán practicando o seu deporte favorito ao longo de dúas xornadas que terán ademais un importante carácter solidario xa que cada un dos xogadores e xogadoras, así como adestradores e adestradoras que participen, achegarán alimentos non perecedoiros, do mesmo xeito que poderá facer o público asistente. Posteriormente, no acto de clausura do torneo, farase entrega da totalidade dos alimentos ao Concello de Nigrán co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas da localidade.

Desde a categoría baby ata a categoría sénior, pasando polas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete desfilarán polo pavillón ao longo do luns 26 e martes 27 para disputar diferentes partidos e compartir unha xornada de deporte, convivencia e festa. Os partidos serán arbitrados por colexiados do comité da Federación Galega de Baloncesto que participan de maneira voluntaria e desinteresada, do mesmo xeito que fixeron en edicións pasadas. Ademais dos encontros deportivos realizaranse ao longo dos dous días o sorteo de diferentes agasallos entre todos os asistentes.