Manifesto Miñor chama á esquerda do PSOE a conformar candidaturas unitarias para as municipais

A asemblea comarcal de Manifesto Miñor acordou chamar a todas as candidaturas á esquerda do PSOE que nas pasadas eleccións se presentaron nos concellos do Val de Miñor, a facer o esforzo por concorrer xuntos en candidaturas unitarias nos comicios de maio de 2023. “Podemos dicir que Manifesto Miñor naceu da necesidade de construír espazos e lugares comúns onde practicar a política feita dende a base e sen os corpiños que impoñen as estruturas partidarias clásicas. Como temos dito, dende o local pero sen renunciar á visión global. Somos galegos e galeguistas nas súas diferentes expresións políticas; somos de esquerdas, feministas, ecoloxistas. Para nós a Democracia Participativa é un obxectivo irrenunciable que vai máis alá de votar cada catro anos pois a veciñanza debe intervir naqueles asuntos do seu interese. A posición de Manifesto Miñor sempre foi clara a prol da unidade baixo eses principios e así o propuxemos hai catro anos sen moito éxito. Coidamos que agora os tempos e as necesidades poden favorecer eses obxectivos. Por nós non vai quedar”, aseguran.

Manifesto Miñor considera que a situación política do Val de Miñor, con tres alcaldes do PSOE, así o require, “pois as súas propostas de fondo, as que falan dun modelo de comarca e de concellos, alén de posicionamentos puramente estéticos e forzados polas circunstancias, en pouco ou nada se diferencian das que podería facer o PP”. “Por poñer uns exemplos, a maiores da urticaria que lles produce a participación veciñal nas cousas dos concellos, apostan pola masificación turística e por unha comarca dormitorio; o desleixo polo Patrimonio Natural, cultural ou inmaterial resulta evidente; teñen unha visión do territorio que habitamos puramente especulativa; o campo de golf segue aí coma unha Espada de Damocles e os eólicos van contra deles só cando hai oposición popular; a mocidade emigra sen expectativas máis aló das que ofrecen as grandes superficies ou o turismo, sen propostas formativas centradas e útiles para a comarca. O comercio local e de proximidade esmorece; a mobilidade sustentable intercomarcal non existe; a pesca artesanal ou a agricultura están invisibilizadas ou desprezadas como algo residual e sen lles interesar, cando a realidade nos di que existe unha poboación na nosa contorna de máis de 500 mil persoas que precisan alimentos de calidade a custes alcanzables ou Km 0. Os montes como xeradores de riqueza e saúde non deberían ser algo alleo á realidade municipal; ou a interacción coa UVIGO debería ser outro obxectivo. E así un longo etcétera”.

“Ninguén dixo que todo isto sexa doado conseguilo e tampouco hai receitas máxicas. O único camiño é a aprendizaxe colectiva dende os acertos e os erros mais, sen perder de vista o horizonte da defensa do ben común. En Manifesto Miñor partimos desa experiencia colectiva que xa dura máis de oito anos e que nos permite afirmar que é posible traballar nesa liña e, que a nosa presenza nos concellos é tan necesaria coma útil á hora de abrir novos debates que sen nós non se darán nunca. Por iso poñemos a disposición da sociedade e da veciñanza miñorá a nosa experiencia, tamén a organizativa, para exercer como catalizador ou ligamento que lle dea carácter comarcal ás solucións a aqueles problemas comúns que temos no Val de Miñor, comezando por facer da propia Mancomunidade un organismo activo e útil para mellorar a vida dos miñoráns e das miñorás”, destacan.

“Como xa se dixo temos unha experiencia contrastada, tanto no traballo institucional como a pé de rúa, así como introdución nos movementos sociais e veciñais da comarca. Mais somos conscientes que iso non abonda se de verdade queremos mudar a fondo a política nos concellos do Val de Miñor. Para iso é necesaria máis masa crítica e iso só se consegue traballando a unidade pola base e a través de propostas de acción conxunta. O tempo aprema e cómpre dar o debate sen máis demora. O resultado, se as cousas se fan con xenerosidade e sen trampas, necesariamente terá que callar na conformación de candidaturas unitarias, á esquerda do PSOE, nas vindeiras eleccións municipais. Dende Manifesto Miñor emprazamos publicamente a CABE, NIGRÁN DECIDE, SON EN COMÚN DE BAIONA e ao BNG a falar con amplitude de miras e pensando no ben común. Estamos convencidos que se hai vontade política atoparemos a forma de facelo, e obviamente a formulación xurídico-política para artellalo”, conclúen desde Manifesto Miñor.