Somos Nigrán inicia unha recollida de sinaturas para solicitar a instalación de fibra óptica nas zonas sen cobertura

Somos Nigrán emprende unha campaña de sinaturas polo municipio para esixir a instalación de fibra óptica en todas as zonas carentes deste servizo. Cunha cobertura total prometida para finais de 2019, actualmente, a fibra óptica só é un desexo que se ve afastado en moitas vivendas de Nigrán. Negocios e veciños ven limitado o seu acceso a Internet cunhas conexións desfasadas, lentas e acompañadas dunhas tarifas de ADSL que chegan a superar en máis do dobre ao custo que teñen as de alta velocidade, que centran a oferta actual das operadoras.

Nos próximos días integrantes de Somos Nigrán comezarán a percorrer as parroquias do municipio coa intención de reunir a máxima cantidade de sinaturas que apoien o requirimento que dirixirán á compañía operadora, ao Concello de Nigrán e á Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións. Para solicitar follas de sinaturas, coñecer datas e zonas do percorrido de recollida ou mesmo participar na campaña, os interesados poden poñerse en contacto no correo somosnigran@gmail.com.