A Audiencia de Pontevedra rebaixa cinco anos a pena a un condenado por unha agresión sexual

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, en aplicación da Lei 10/2022, de garantía integral da liberdade sexual, rebaixou en cinco anos a pena a un condenado por unha agresión sexual porque entende que neste caso a nova lei é máis favorable ao reo. O tribunal explica que naquel momento se lle impuxo ao acusado a pena mínima aplicable ao caso —algo que se especificaba na sentenza—, pero tras a reforma esa pena mínima fixouse en sete anos, non en doce, e ao levar cumpridos máis de once anos de prisión ordenou a súa posta en liberdade.

Os maxistrados aseguran que procede a revisión da condena porque o apartado 2.2 do Código penal establece que “terán efecto retroactivo aquelas leis penais que favorezan o reo, aínda que ao entraren en vigor se ditase sentenza firme e o suxeito estivese cumprindo condena”.

Os maxistrados da Audiencia Provincial de Pontevedra salientan no auto que o exame da pena que realizaron non pode ser rexeitado polo feito, como alega a Fiscalía, de que “tradicionalmente se considerou que, en caso de ser modificados os límites máximos e mínimos dunha pena, por efecto dunha reforma, a pena privativa de liberdade imposta antes da modificación lexislativa sexa tamén susceptible de ser imposta conforme a nova redacción”. Os maxistrados recalcan que ese motivo alegado polo Ministerio Fiscal é a interpretación dunha norma transitoria prevista na LO 10/95, “norma que, ante a ausencia de norma transitoria na nova lei, non procede aplicar de forma extensiva a esta e en contra do reo”.

“E é que, ademais, as sentenzas que invoca o Ministerio Fiscal como criterio interpretativo consolidado están precisamente interpretando disposicións transitorias, disposicións coas que non conta a lei actual, e que, por tanto, non estimamos aplicables”, argumentan os xuíces do alto órgano xudicial provincial. No auto inciden en que a LO 10/2022 “nada establece en canto á súa aplicación a procedementos en trámite ou, como neste suposto, xa xulgados e con sentenza firme”.

O tribunal insiste en que o artigo 2.2 do Código penal “establece unha norma xeral, no sentido de que terán efecto retroactivo as leis penais que favorezan o reo”, algo que é “o que ocorre no presente caso”. Así, afirma que “non cabe admitir lagoa interpretativa de ningunha clase, dada a claridade das penas e límites impostos e o dato obxectivo do establecemento dunha pena mínima, inferior á prevista na lei que foi aplicada”. Por todo iso, os maxistrados conclúen que procede revisar a pena e fixala en sete anos de prisión e, como consecuencia, acordaron a excarceración inmediata do condenado, pois a pena estaría cumprida. Contra o auto da Audiencia Provincial de Pontevedra cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.