Gondomar acende o seu Nadal

Este sábado 3 de decembro Gondomar dá inicio ás múltiples actividades programadas para este Nadal. Así, ás 12 da mañá inaugurarase o que será unha das atraccións estrela deste Nadal na vila gondomareña, a Pista de Xeo natural que estará situada nunha carpa instalada na Pista Polideportiva A Feira (ao lado do Pavillón de Deportes) e que permanecerá aberta ata o día 8 e xaneiro. Xa na xornada da tarde os actos arrancarán cun acto de celebración do Día da Discapacidade, que baixo o título “Ser diferente é ser Existente”, en colaboración con Centro Aprehendo Gondomar, terá lugar no Salón de Plenos (Casa da Cultura) ás 17:00 horas.

Ás 17:45 horas, o alcalde acompañado do bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luis Quniteiro Fiuza, inaugurarán o Belén Artesanal en Movemento que este ano cambia de situación ao Centro Neural (Policía Local), aumentando as súas dimensións e número de elementos con respecto a anos anteriores. Ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío, o Coro San Vicente de Mañufe ofrecerá un concerto gratuíto. Para rematar esta primeira xornada dunhas festas de Nadal que estarán cheas de actividades para todas as idades, dende a Praza da Paradela, ás 20:30 horas, se procederá ao acto de acendido da iluminación decorativa de Nadal, que este ano gaña en número de rúas e prazas iluminadas.

O Alcalde Paco Ferreira, destacou que “dende que chegamos ao goberno, Gondomar xa é un referente nas festas de Nadal, e que este ano fixemos un esforzo para que o sexa aínda máis, con máis actividades e cunha programación pensada para toda a familia”. O rexedor indicou que nos próximos días se presentará a programación completa para estas festas e convidou a toda a cidadanía a “desfrutar dunhas festas tan entrañables”.