A unión entre pobos marca a celebración do Día da Hispanidade en Baiona

Baiona celebrou este luns o seu tradicional acto do Día da Hispanidade coa presenza, ademais do alcalde, Carlos Gómez Prado, do Deputado Autonómico e anterior rexedor, Jesús Vázquez Almuiña, o cónsul xeral honorario de Ecuador en Vigo e Fillo Adoptivo de Baiona, Adriano Márquez de Magallanes, Juan Viéitez, en representación do corpo consular de Vigo, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta López-Tapias, e o deputado Carlos López Font, que representou á Deputación de Pontevedra. Entre os asistentes tamén estaba a corporación do Concello de Baiona, ex alcaldes e demais autoridades locais da Vila.

A efeméride conmemorouse este ano nun escenario distinto, a Praza do Concello, e presenta un marcado trazo cultural. “Ambos os dous matices non son baladíes, senón que responden a unha nova folla de ruta marcada polo Concello: a de achegar os actos institucionais á nosa cidadanía para que todos e todas podamos gozar da celebración deste día sinalado. Hoxe culminamos neste emprazamento unha programación deseñada para o goce de todos os baioneses e baionesas”, destacou o Alcalde. “Ritmos da Hispanidade” trouxo ata Baiona unha fin de semana chea de concertos dedicados a tres países iberoamericanos, Cuba, Brasil e Arxentina, que xogaron un papel fundamental na inmigración galega, ensinando e divulgando toda a riqueza cultural destes países de acollida.

O rexedor reivindicou a unión entre os pobos co seu discurso. “Debemos e queremos lembrar que o doce de outubro é un día de unión e conciliación entre pobos e entre persoas. Unha unión de gran importancia nestes momentos tan difíciles que estamos a vivir pola crise sanitaria do COVID-19. Baiona e o seu Alcalde quere, humildemente representar ese lazo de unión entre Europa e Hispanoamérica. Queremos promover unha Festa da Hispanidade que nos reconcilie cos nosos irmáns, esquecéndonos dos desencontros entre dous grandes continentes e que nos permita exaltar os valores de convivencia, de respecto ás identidades culturais, de compromiso firme na defensa do progreso, do benestar e da paz. E non podía ser doutra maneira cando en América viven tantos galegos e galegas de orixe e de segunda e terceira xeración, moitos deles desta comarca miñorana”.

Concluíu sinalando que no Día da Hispanidade “teñamos visión afastada e de futuro, traballemos hoxe para que as xeracións próximas poidan seguir coñecéndose, aprendendo uns doutros e respectándose. Reintegrar sempre deu mellores resultados que separar. Todos gañamos actuando en común, isto non quere dicir que cada pobo non conserve a súa propia cultura e idiosincrasia”.

O rexedor pechou a quenda de intervencións tras o discurso do cónsul xeral honorario de Ecuador en Vigo e Fillo Adoptivo de Baiona, Adriano Márquez de Magallanes, e do deputado Carlos López Font, que representou á Deputación de Pontevedra, cun “recordo especial para os baioneses e baionesas, miñoranos, miñoranas e pontevedreses e pondevedresas que se atopan máis aló do Atlántico, en especial en Arxentina e Uruguai”.

A nota musical da celebración do Día da Hispanidade púxoa a actuación do grupo “Raíces Arxentinas”, que interpretou o tango “Volver”.