
O Concello de Nigrán ofrece este domingo desde as 17:00 horas no Auditorio Municipal o VII Memorial Secundino Pérez Sanromán, dedicado ao gran mestre de gaiteiros de Chandebrito falecido no ano 2014. No evento tocarán os seus ex alumnos e os grupos folclóricos da comarca Ardelume de Baíña, Ecos e Agarimos de Peitieiros, Novos Aires de Couso, O Castro de Chandebrito, Aires de Santes de Vincios e A Merced de Chaín, todos impulsados polo propio Secundino.
Para esta ocasión, o Concello editou unha revista grazas á colaboración desinteresada de Thays Cabaleiro, gaiteira de Priegue e ex alumna. Esta publicación recolle a biografía de Secundino, imaxes de diferentes épocas, a transcrición dunha entrevista realizada no 2013 pola Comisión de Festas de Priegue, unha recensión sobre a charanga “Os Leóns de Camos” da que formou parte e, adicionalmente, contén as partituras dalgunhas das súas pezas máis coñecidas: entre elas, a muiñeira “Cinzas do Castro”, os pasodobres “O Torreiro de Priegue” e “Olas de Nigrán”, a “Rumba de Chandebrito”, a “Troulada de Vilariño” ou a “Xota Roquiña”. “Esta revista forma parte da nosa obsesión como goberno de preservar e documentar a Historia de Nigrán. Secundino foi un gaiteiro mestre de mestres nacido en Chandebrito, temos o deber como concello de divulgar a súa vida e a súa obra, ese é o obxectivo”, resume o alcalde, Juan González.
Secundino naceu en xullo do 1931. Tivo o seu primeiro contacto coa música tradicional cunha frauta de cana aos oito anos. E poucos anos despois, tras regalarlle o seu pai unha gaita, comezou a tomar clases. Logo de moito ensaiar foi collendo experiencia e destreza, e foi entón cando entrou a formar parte de “Os Leóns de Camos”, unha das primeiras charangas da comarca. Pero se por algo é coñecido Secundino é pola súa dedicación á ensinanza. Mestre de varias xeracións de músicos, compositor, creador de infinidade de grupos de gaitas como son o de Sabarís, A Ramallosa, Priegue, Peitieiros, Baíña, Couso, Chandebrito… foi un home de gran paciencia e bonito carácter.