Investigan penalmente a un veciño de Vigo por navegar cunha moto náutica co folio falsificado

A Garda Civil investiga por un presunto delito de falsidade documental a un veciño de Vigo que navegaba cunha moto náutica que levaba inscrito o folio doutra embarcación de similares características. A orixe da investigación remóntase ao mes de agosto cando a Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra denuncia ante Capitanía Marítima de Vigo a navegación temeraria dunha moto náutica entre o porto de Meira e a Praia do Cocho na ría de Vigo.

Os compoñentes da Patrulla Fiscal refiren na súa denuncia que, aínda non podendo interceptar ao piloto no seu momento, identificaron perfectamente a moto náutica, a través do seu folio, cando navegaba con notorio exceso de velocidade a escasa distancia doutras embarcacións, o mesmo que en augas interiores do porto e a menos de 50 metros da zona de baño na praia do Cocho.

A investigación penal activouse no marco do procedemento sancionador cando o propietario da embarcación alega que a cor da súa moto non se corresponde co que apunta a Garda Civil e que, ademais, vendéraa con anterioridade á data da denuncia.

As pescudas levaron á localización de dúas motos náuticas de similares características, unha delas nas inmediacións do domicilio do denunciado en Vigo, coa cor verde e branco que refería a Garda Civil na denuncia. Esta moto tiña o número de folio doutra, que supostamente vendera, que se localizou nunha nave vinculada coa contorna familiar do presunto comprador.

A investigación concluíu coa notificación desta persoa, como presunto autor dun delito de falsidade documental. A investigación continúa aberta para pescudar a orixe da moto náutica que circulaba co folio falso, cuxa procedencia se descoñece ata o momento. As dilixencias entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido pola autoridade xudicial.