Couso “sementa auga” para combater a seca

Estímase que 2500 millóns de persoas, un 36% da poboación mundial, moran en zonas con escaseza de auga. Outros 2.300 millóns de persoas enfróntanse a unha situación de estrés hídrico en 2022. Isto é, a demanda de auga foi e será máis alta que a cantidade de auga dispoñible durante un período determinado. Galicia, España e Europa veñen de sufrir este 2022, unha das secas históricas máis extremas do último século. Un problema mundial, precisa estratexias globais, mais tamén é posible actuar desde o local.

A parroquia de Couso, pon en marcha o seu innovador plan para protexer e alimentar os seus acuíferos, para combater o estrés hídrico que se padece na época estival. Para iso, ten programado sementar auga. Como se fará? En síntese, evitando as escorrentías superficiais que devolven de inmediato a auga das chuvias ao mar, e favorecendo as escorrentías subterráneas que alimentan os mananciais, almacenan grandes volumes de auga e retrasan a chegada das augas ata os ríos e o mar.

O plano de actuación contempla actuacións en varias fases:

1. Na primeira estabilizaranse as augas caídas da chuvia, mediante “Swais”, uns regos de infiltración feitos por curvas de nivel topográfico, que facilitarán a retención das augas, favorecerán as escorrentías subterráneas e evitarán as fugaces escorrentías superficiais e preservarán as erosións de terra fértil polas fortes pendentes da Parroquia de Couso.

2. Os “Swais”, as canles ou sucos, terán unha maior porcentaxe de humidade, que facilitarán a colonización de multitude de fungos e bacterias, potenciando a microbioloxía, que proporcionarán unha maior fertilidade ás terras tratadas e permitirá a aparición dunha agricultura rexenerativa.

3. Sementar serradela, trevo, ravo “daikón”, mostarda centeo…, co obxectivo de acolchar, fixar e nitroxenar a terra e favorecer o paso á última fase.

4. Creación do “Bosque comestible”. Para tal fin, plantaranse dous tipos de árbores. As primeiras especies fixadoras de nitróxeno. As segundas, máis de 40 especies froiteiras diferentes. Especies frondosas, non pirófilas que recreen a paisaxe autóctona típica.

Estas catro fases permitirán posuír acuíferos más abundantes e copiosos durante máis épocas do ano, ao tempo, prover á parroquia dunha despensa natural e pública para fornecerse de froitas de tempada. Por último, unha foresta mesta, ten como consecuencia unha menor evapotranspiranción. Unha menor evaporación das augas e humidades que nas zonas áridas ou con escasa vexetación, por tanto, tamén contribúe a preservar os espazos húmidos e mananciais.