Bombeiros forestais demandan á Xunta traballar todo o ano

Os case mil bombeiros forestais traballadores en máximo risco remataron este xoves a súa relación contractual coa Consellería de Medio Rural polo ano 2022. En demanda de máis traballo para o conxunto do ano e nomeadamente no eido da prevención, uns 50 traballadores e traballadoras concentráronse nas escaleiras das dependencias do Distrito Forestal XVIII Vigo-Baixo Miño, no Porriño. “Precisamente logo do infernal verán que vimos de padecer parécenos que a Consellería do Medio Rural debería sen dilación algunha comezar a realizar políticas preventivas serias a este respecto e evitar o ocorrido este 2022”, sinalan. A protesta consistiu na lectura dun manifesto no que desglosaron o porque da súa acción reivindicativa, cunha concentración con pancarta na que a lenda xa fala claro: “Máis prevención menos incendios. Traballo digno todo o ano”.

Tamén a modo de protesta escenificaron a devolución das compensacións que lles están previstas abonar polo exceso de horas. Cunha caixa/peto dirixida ao Conselleiro, simbolicamente, cada un puxo unhas moedas como repulsa desta gratificación. “Estamos firmemente en contra dunha medida que ademais xa desbotaron outras Consellerías atrás, até hoxe. Incentivar por apagar provocou no seu día que algúns (moi poucos) bombeiros tiveran provocado algún lume. Sen xustificar en absoluto tremenda decisión, o que non se pode desde o goberno e volver a unha práctica como dixemos xa desterrada hai moitos anos na que xente vítima da precariedade e desesperación poidan provocar tal barbaridade. Por iso demandamos salarios dignos e estabilidade laboral e que isto desde quen nos goberna non se volva a producir”.

Berráronse consignas do tipo “Traballo digno todo o ano”, “Máis prevención-menos extinción”, “Queremos traballar non mendigar”, “Non imos parar até o ano traballar” ou “Medio Rural estanos a humillar”.