
Durante a declaración do Estado de alarma pola pandemia de coronavirus aprobouse o Real Decreto 8/2020 de medidas extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do Covid-19. No devandito decreto contémplase o dereito das empresas concesionarias das administracións públicas que tivesen que cesar a súa actividade durante a pandemia, ao restablecemento do equilibrio económico do contrato, existindo dúas vías para iso: ou ben ampliar a concesión ata un 15% da duración inicialmente prevista, ou ben conceder esta compensación en materia económica, perdoando á empresa en cuestión parte do canon que está obrigado a pagar polo contrato, ou abonándolle unha contía monetaria.
A empresa que xestiona as instalacións da piscina mancomunada, amparándose nesta normativa, solicitou á Mancomunidade dita compensación alegando cuantiosas perdas, polas que precisamente recorta o gasto enerxético baixando a temperatura da auga da piscina, ao que a entidade supramunicipal contestou desfavorablemente, indicándolle que a única compensación que terían sería a prórroga de contrato por un período de 9 meses. “Unha decisión, canto menos errónea, xa que neste caso en concreto interesa máis a compensación en materia económica, dado que existe certa urxencia para que se produza unha nova licitación e así introducir melloras na prestación do servizo ou o mantemento das instalacións”.
Desde Podemos Nigrán solicitan que a Mancomunidade reconsidere a súa posición, priorice as necesidades das persoas usuarias da piscina mancomunada e solucione coa máxima celeridade esta situación negociando coa empresa adxudicataria co fin de que cese o conflito.