Mozos de Nigrán alertan no Parlamento Galego dos problemas “silenciosos” de saúde mental entre a rapazada

O Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán acudiu un ano máis ao Parlamento Galego no marco do X Foro de Participación Infantil que lidera Unicef e que reuniu a rapazada dunha ducia de municipios de toda a Comunidade. Unha representación do Concello composta por dez nenos e nenas voluntarios acudiu a Santiago acompañados polo alcalde, Juan González, e as concelleiras de Educación, Igualdade e Servizos Sociais, Marina Vidal, Patricia Diego e Bibiana Peixoto. Este ano, Unicef pon o foco da súa campaña polo 20-N, Día Mundial da Infancia, na saúde mental da infancia e a adolescencia, motivo polo que os representantes de Nigrán dedicaron o discurso a este tema, apelando á responsabilidade individual de cada un de nós.

“Sabemos que non somos médicos, nin psicólogos, nin psiquiatras, eles son os especialistas que aportan a axuda profesional tan necesaria nestes casos. Pero nós, temos un “título” non menos importante, somos seres humanos e, como tal, podemos aportar un “complexo vitamínico” que complete o traballo deses especialistas. Coidar a “nosa xente” escoitándoa, pero non a través dun WhatsApp ou dunha pantalla, mirándoa aos ollos, acompañándoa, preguntando que precisa, abrazándoa. Escoitala, dende a comprensión e a empatía. Dous aspectos tan importantes, en perigo de extinción nesta sociedade tan individualista na que vivimos”, sinalou Martín Rey, alumno e membro do Consello que actuou como voceiro. “Sentirse querido, comprendido e acompañado é unha das sensacións máis fermosas que podemos experimentar como seres humanos, o mellor dos “xaropes” para o coidado da nosa mente”, finalizou.

“Nigrán sigue a camiñar para obter o selo CAI-Ciudad Amiga de la Infancia, outorgado por Unicef, e a proba é o bo funcionamento do Consello de Participación Infantil e Xuvenil, que segue a dar pasos para facer chegar as súas propostas e preocupacións ás diferentes administracións”, explica o alcalde, Juan González.