Clausurados en Gondomar os seminarios da Aula de Maiores da Universidade de Vigo

O alcalde Paco Ferreira entregou onte os diplomas acreditativos aos participantes nos tres seminarios que a Universidade de Vigo e o Concello de Gondomar veñen desenvolvendo ao longo deste mes dentro da súa Aula de Maiores. No primeiro deles, cunha parte teórica, e outra práctica a través dunha visita guiada, os participantes puideron coñecer parte da historia de Gondomar a través da arte, a arquitectura e a arqueoloxía.

O segundo dos simposios celebrados versou en torno á alimentación e á saúde, cunha andaina na que se percorreu un treito de 4 quilómetros pola beira do río, acompañados dun monitor profesional. No último as e os participantes tiveron a oportunidade de adquirir coñecementos sobre o mercado enerxético e na xornada de onte, previa ao acto de entrega dos diplomas, puideron analizar os seus propios contratos e facturas do subministro eléctrico.

Nestes simposios da Aula de Maiores da Universidade de Vigo en Gondomar participaron un total de 61 persoas maiores de 55 anos, o que en palabras do representante da Universidade de Vigo presente no acto de clausura supón “o récord de participantes de cantas aulas levamos feito nos diferentes concellos”.

Durante a entrega dos diplomas o rexedor local, Paco Ferreira, destacou que “este goberno local ten unha aposta clara pola formación en diferentes ámbitos, e esta colaboración coa Universidade de Vigo é un claro exemplo. O rexedor puxo en valor a utilidade deste tipo de iniciativas “para ademais de adquirir coñecementos, sirva como lugar para o encontro, a socialización, o debate e o intercambio de ideas”.