O programa “Cultiva a Mente” arranca con éxito de participación nas parroquias de Baiona

O Concello de Baiona iniciou con gran éxito de participación nas parroquias do municipio o programa de prevención ao deterioro “Cultiva a Mente”. A actividade está dirixida a persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención do deterioro cognitivo e o coñecemento do envellecemento activo. O obxectivo é o fomento de hábitos saudables dende un enfoque activo e positivo en áreas cognitivas, emocionais, funcionais e sociais como precursor dun axeitado mantemento de vida independente nas persoas adultas maiores participantes.

A metodoloxía é activa e dinámica, sempre cunha explicación e capacitación da funcionalidade e obxectivo de cada serie de exercicios e propostas. Itinerario das sesións: acollida; información e formación teórica sobre hábitos e capacidades; desenvolvemento de actividades e exercicios de base cognitiva; desenvolvemento de actividades e exercicios de base funcional e motriz; desenvolvemento de actividades emocionais e sociais; e peche: planificación da próxima sesión e proposta de actividades a domicilio.

As sesións desenvolveranse ata xuño de 2023, realizaranse unha vez por semana e teñen unha duración de unha hora e media, serán impartidas polo equipo técnico de AFAGA. Nas parroquias lévase a cabo nos seguintes lugares e co seguinte horario: Centro Cultural de Baredo os xoves de 18:30 a 20:00 horas; Centro Cultural de Belesar os xoves de 11:00 a 12:30 horas; Multiusos de Sabarís os martes de 11:00 a 12:30 horas; e Centro Cultural de Baíña os martes de 18:30 a 20:00 horas.

As persoas empadroadas en Baiona interesadas en participar poderán recoller os impresos da súa solicitude no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Deberán rexistrar dita solicitude por rexistro de entrada do Concello de Baiona, horario de atención ao público, de 9:00 a 14:00 horas. Máis información chamando ao teléfono 986 38 59 26.