O BNG insta a Juan González a resolver xa o problema da temperatura da piscina do Val Miñor

O BNG insta ao Presidente da Mancomunidade, o alcalde de Nigrán Juan González, a resolver o problema da temperatura da piscina do Val Miñor. Diante das novas protestas das persoas usuarias da piscina mancomunada da Ramallosa polo frío da auga, o BNG pide da entidade solucións definitivas e explicacións en pleno ordinario.

Hoxe mesmo, usuarias e usuarios da piscina, nomeadamente persoas maiores que fan natación como medida terapéutica, volveron denunciar a baixa temperatura e fixeron entrega de novas reclamacións que presentaron diante da empresa concesionaria do servizo, Serviocio, e que van trasladar tamén ao servizo de consumo da Xunta de Galiza.

A baixa temperatura, ademais de facer desagradable o baño para maiores e pequenos, “prexudica ás persoas que teñen enfermidades de ósos e non invita a continuar asistindo aos cursos nin a nadar por libre”, apuntan desde o BNG. “E agora que chega o frío, aínda peor, polo que de seguir así moitas persoas deixarán de usar as instalacións, poñendo máis en perigo o mantemento do servizo e dos postos de traballo”.

Na resposta ás reclamacións anteriores que as persoas usuarias están a recibir, a empresa manifestou que establece a temperatura en 25 graos, o límite máis baixo permitido na normativa vixente, polos elevados custes enerxéticos que soporta e que están a provocar unha situación de grandes perdas. Indica tamén que, de se ver obrigada a subir a temperatura da auga, tería que tomar outras medidas máis drásticas.

No pleno extraordinario celebrado o pasado 13 de outubro, o Presidente da Mancomunidade informou de que o problema estaba solucionado até maio, logo de negociar coa empresa un acordo a cambio dunha proposta de mellora económica que estarían a estudar os servizos técnicos da Mancomunidade. “Mais a día de hoxe non se fixo nada ao respecto”, lamentan os nacionalistas.

Desde o Bloque instan ao goberno da Mancomunidade, e por extensión aos tres alcaldes do Val Miñor, a que medien neste problema para evitar o risco de peche da piscina. Así mesmo, urxen a convocatoria do pleno ordinario que o Presidente actual, o alcalde de Nigrán Juan González, non convocou cando correspondía, no mes de setembro, para poder abordar e resolver esta problemática que afecta a un número importante de veciñas e veciños de Baiona, Gondomar e Nigrán.