Dobrete do Turonia

Este pasado sábado o Turonia GFG fixo dobrete nas súas dúas categorías, masculina e feminina. Os dous partidos disputáronse no campo da Gándara de Chaín en Gondomar.

As mulleres disputaron un encontro moi igualado contra as Fillas de Breogán da Coruña. Nesta 1ª xornada da Liga Feminina de Fútbol Gaélico Feminino, as da Coruña impuxéronse por pouco no primeiro tempo. Na segunda as de Gondomar, con valentía e mudando a estratexia de xogo, conseguiron repoñerse e darlle a volta ao marcador até un contundente final de 25 a 16 para as do Turonia. Deste xeito, o Turonia GFG feminino fica segundo na clasificación da 1ª División Feminina, empatada a puntos coas do Estrela Vermelha de Santiago. Gran comezo para as nosas rapazas, logo dunha pretempada moi complicada que se resolveu finalmente cun equipo ben competitivo.

Pola súa banda, os homes xogaron contra os Keltoi Estibadores de Vigo nun encontro que sempre estivo do lado dos gondomarenses, impoñendo o seu xogo durante todo o tempo de xogo e rematando nun contundente 35 a 16. Esta segunda xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico Masculino resarce a derrota da primeira contra o Cambados na súa casa, que por dous puntos decantara o marcador para os do Salnés logo de moito tempo de vantaxe dos de Gondomar. Así, os rapaces do Turonia GFG fican 3º na 2ª división do Gaélico Galego, por detrás do Cambados e do Auriense de Ourense.