Máis de 6.000 vivendas de Gondomar xa dispoñen das novas placas identificativas

O proceso para identificar as vivendas e inmobles de Gondomar, chegou á súa última fase. Tras un arduo traballo de identificación de todas as vivendas a través dun estudo que corrixiu aquelas numeracións incorrectas, e en algúns casos incluso duplicadas, iniciouse o pasado mes de xuño a colocación de forma gratuíta de 6.100 placas identificativas. En palabras do Alcalde Paco Ferreira “esta iniciativa tivo como obxectivo principal facilitar a correcta identificación de todos os inmobles para os servizos de notificación, reparto, servicios de ambulancias e emerxencias ou taxis, que deste xeito poderán localizar calquera vivenda sen dificultade, sendo así tamén unha axuda para a actividade económica da vila xa que calquera negocio ou comercio que precise enviar un pedido a un cliente, non terá problemas á hora de identificar o destino, algo que viña sucedendo con moita frecuencia”.

Ademais, o rexedor quixo destacar que “ao unificar a estética das placas, cun deseño atractivo e moi visible, seguimos dando pasos para que Gondomar sexa cada día unha vila máis amable e atractiva, tanto para os que residen nela como para quen nos visita”. Así mesmo este traballo permitiu a actualización de toda a cartografía municipal, que estará dispoñible a través da páxina web do Concello e na que están identificadas cada unha das vivendas e parcelas do municipio, a través dunha plataforma GIS, e tamén permitirá a actualización dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Paralelamente o Concello está actualmente a traballar na actualización do inventario municipal de bens e camiños, que será dixitalizado e posto a disposición tamén na web municipal.

Nas próximas semanas comezará a instalación de novas placas cos nomes de todas as rúas de Gondomar, cun deseño unificado e coa utilización de materiais moi respectuosos cos inmobles con valor histórico e arquitectónico, e que sen dúbida “mellorarán a estética da vila e axudarán a cantos nos visten a identificar correctamente as nosas rúas”, indicou o alcalde. Por último todas as rúas e camiños identificados serán etiquetados coa súa numeración correspondente na plataforma de Google e deste xeito se poderá localizar correctamente calquera vivenda de Gondomar de xeito inmediato, o que facilitará moito o traballo dos servizos postais, de notificación, de reparto, de transporte ou de emerxencias.